Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

29/05/2012

A Fundación TIC realizou máis de 500 actividades e produtos audiovisuais en 2011

imaxe da reunion do padroadoimaxe da reunion do padroado

O Padroado aproba as contas do ano pasado cun grado de execución do 98,8% e co cumprimento do obxectivo de estabilidade presupostaria.
Gómez Besteiro destaca o importante esforzo económico que realiza o organismo provincial “para aforrar ás familias o custo da matrícula, que volverá ser gratuíta por quinto curso consecutivo na EIS, a única Escola de Imaxe e Son da provincia”.
A TIC apoiou á economía da provincia coa promoción dos autónomos e pequenos empresarios e incrementou nun 50% o número de convenios con asociacións sen ánimo de lucro.

O Padroado da Fundación TIC, dependente da Deputación, aprobou este luns a conta anual do exercicio 2011 cun grado de execución do 98,8% do presuposto que ascendeu a 1.527.000 euros, e que cumpre co obxectivo de estabilidade presupostaria. Na sesión, á que asistiron os membros do Padroado designados por cada un dos grupos políticos e os expertos do sector -o director Jorge Coira e o produtor José María Besteiro- tamén se analizou a memoria de actividades de 2011 que incluíu máis de 500 actividades e produtos audiovisuais baseados nos principios fundacionais da institución: a educación e formación e a produción e promoción.

O Presidente da Deputación e da Fundación, José Ramón Gómez Besteiro, destacou o importante esforzo económico que está a facer o organismo provincial que o ano pasado aforrou ás familias o custo das matrículas na Escola de Imaxe e Son, o único centro que imparte ensinanzas da rama audiovisual na provincia de Lugo. “Neste momento de crise, no que desde as administracións debemos priorizar o destino dos fondos públicos, consideramos que a educación pública e de calidade é un dereito básico ó que debe poder acceder calquera persoa que teña interese en mellorar a súa formación, independentemente do seu poder adquisitivo”.

Apoio á economía da provincia


Gómez Besteiro tamén subliñou “o apoio que a Fundación está a prestar á economía lucense, nunha época especialmente complicada para o sector, a través de actuacións encamiñadas a promocionar ós autónomos e pequenos empresarios, que forman a base económica da provincia e que son os principais xeradores de emprego”. Lembrou, a elaboración de vídeos promocionais das empresas integradas na Asociación de Empresarias de Lugo ou o apoio a iniciativas organizadas pola Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo, como “A Noite Aberta” ou a Feira Oulet.

Ademais, contribuíuse a difusión a do VI Congreso Mundial do Xamón celebrado en Lugo e realizáronse reportaxes a empresas da provincia como Caurelor, Milhulloa, Marcelle ou Regal Cerámica.

Formación pública e de calidade


Na memoria de actividades da EIS, a única Escola de Imaxe e Son da provincia, destaca a elaboración por parte dos alumnos do primeiro movie map de Galicia, no que se recollen os espazos de rodaxe da película “Romasanta”. Ademais, dentro da aposta da Fundación por completar a formación práctica e facilitar a súa inserción laboral, os alumnos da Escola organizaron as galas de clausura e de presentación das curtas que realizaron durante o curso. Tamén participaron, baixo a supervisión de profesores e técnicos da TIC, na gravación e realización da segunda Gala Lucus Moda, e nas gravacións de DVDs promocionais de campañas como “A Note Aberta” ou “Son de Lugo”.

Polo que se refire ó programa de bolsas de formación, no que participan máis de 70 empresas, en 2011 incorporáronse firmas como Adolfo Domínguez. Ademais, mantívose unha relación intecurricular con outros centros educativos como o IES Foz, coa gravación do campionato de baritas, ou co IES Muralla Romana .

Promoción da provincia


No pasado exercicio, a Fundacion incrementou nun 50% os convenios de colaboración con asociacións culturais e deportivas sen ánimo de lucro e empresas tecnolóxicas da provincia para a realización de espazos de divulgación. A través de reportaxes e spots deuse a coñecer o labor que están a desenvolver en prol da sociedade, a cultura e o deporte base e no desenvolvemento económico da nosa provincia.

Dentro da aposta pola cultura e o deporte, a TIC gravou e elaborou, entre outros, DVDs sobre “A Noite de Merlín”; a homenaxe ó actor Luis Tosar; e a obra “As alegres comadres” da compañía de teatro “Achádego”. Elboráronse traballos audiovisuais para conmemorar o decimoquinto aniversario da Cova da Terra e da Asociación Fiandeira e o vixésimo do nacemento dos Valouros. Con fins etnográficos: as primeiras xornadas sobre Migración e Indianos organzadas pola Liga Santaballesa de Vilalba; “A Escola dos nosos Avós” da UNDED sénior; e os xogos tradicionais de Xotramu. Ademais, cubríuse a Superliga de Voleibol para a súa emisión en directo en Canal+ e Popular TV.

A TIC apoiou tamén ós músicos da provincia coa elaboración de vídeoclips de grupos como Escala Drinker, Surface; Voodoo Crow e Arandela, e gravou o CD que recolle cancións dos 33 grupos que participaron en “Xoves con Arte”. Tamén editou CDs das corais da provincia dentro da colección “Sons lugueses” e organizou actividades extraescolares para nenos e nenas en apoio á eurovisva Lucía Pérez.

Ademais promocionouse ós Concellos e ás actividades que xeneran. Relizáronse e difundíronse, entre outras, as festas da galiña de Mos, do mexilón de Becerreá, da Virxe do Carme de Foz, dos torneiros de Xermade ou do pemento de Mougán; tamén a feira de Santos de Monterroso ou os mercados medievais de Vilalba e Mondoñedo. O espazo “Camiñando con Juan de Muxa” achegounos a lugares pouco coñecidos da nosa provincia.

Preinscrición para 2012/2013


A comezos de xuño abrirase o prazo de preiscrición para o curso académico 2012/2013 para o que se ofrecerán 44 novas prazas, 22 para o módulo de Produción e outras tantas para o de Realización. Dende o inicio da actividade da EIS, a única da provincia, máis de 250 alumnos cursaron os seus estudos de produción e realización. O de 2011 foi o curso no que, por terceira vez, se cubriron todas as prazas e no que, debido ó éxito da demanda, houbo unha ampla lista de espera.

Obxectivo da Fundación TIC


A Fundación para o Desenvolvemento das Tecnoloxáis da Información e Comunicación é unha entidade sen ánimo de lucro promovida pola Deputación e sobre a que exerce o protectorado a Consellería de Educación.

É un instrumento que promove a formación e a produción no ámbito das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Neste caso, a súa actividade está dirixida ó fomento da educación, da investigación e o desenvolvemento das TIC, así como o impulso e consolidación da denominada sociedade da información de maneira que se contribúe a mellorar a formación relativa a estas tecnoloíxas na provincia de Lugo.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet