Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

28/12/2011

Besteiro e Basadre entregan un CD gravado pola Fundación TIC ós 33 grupos musicais participantes en 'Xoves con arte'

ENTREGA CDSENTREGA CDS

O traballo discográfico, que recolle unha peza de cada agrupación, foi financiado pola TIC e elaborado nos estudos do produtor lucense Arturo Vaqueiro coa colaboración de técnicos e bolseiros da Fundación dependente da Deputación

Os grupos, de estilos musicais moi variados, terán a oportunidade de ofrecer actuacións na rúa todos os xoves, despois do Nadal, para presentar as súas creacións e poñer á venda os CDs. Para elo, contarán co apoio técnico e audiovisual da Fundación TIC

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Concelleira de Xuventude lucense, Carmen Basadre, fixeron entrega este venres no salón de actos do Pazo de San Marcos dun álbum musical ós 33 grupos participantes do programa “Xoves con Arte”, que ten por obxectivo impulsar as novas bandas musicais da cidade ou que dispoñen de poucos recursos para promocionar os seus traballos. Está previsto que tralo acto de entrega as agrupacións musicais ofrezan un concerto no que toquen varias pezas do traballo discográfico, mesturando estilos pop, rock e música galega.

Os máximos responsables da Fundación TIC e do Concello ofreceron ós mozos artistas o seu apoio para darlle continuidade a estes espectáculos co obxectivo de dar a coñecer ó público lucense a súa música e de paso ter un punto de venda onde se poida mercar o disco. De aceptar, as actuacións desenvolveríanse todos os xoves, unha vez pasadas as vacacións de Nadal, nas prazas máis emblemáticas da cidade de Lugo. Ademais, para este cometido contarán coa colaboración da Fundación TIC, que prestará o material técnico e audiovisual necesario e de última xeración para facer posible que a música dos artistas soe coa mellor calidade e poidan ofrecer unha excelente posta en escena. Neste senso, bolseiros e alumnos da Escola de Imaxe e Son gravarán os concertos para a súa difusión e poñer en práctica os coñecementos adquiridos no único centro da provincia que imparte ensinanzas no eido audiovisual, ademais de servirlles como experiencia real que facilite o seu futuro laboral, primordial obxectivo da Fundación TIC.

Álbum de calidade

O disco “Xoves con Arte” está composto por dous CDs que recollen un total de 33 temas de diversos estilos musicais. A Fundación TIC financiou o traballo, gravado e editado coa axuda de técnicos e bolseiros da Fundación TIC nos estudos profesionais de “Abrigueiro”, baixo a dirección do produtor e compositor Arturo Vaquero, aspirante a un Goya no 2010 á mellor canción orixinal polo filme “Agallas”.

Os grupos lucenses que protagonizan o álbum son os seguintes: Alberto Busto, Blö, Brea Sound System, Bristol, David Taboado & ASOC, High Sky, Mentirosos, Mullet, Zinc So!, Aro Arrhythmia, Atup-Lekar, Janie’s Gun, Lastway, Meskalina, Moondogs Blues Party, Pants off. Psicodelepsia, Ripper Ground, Sally the Aracnophobic, Shattered Mirror, Xenro, Airiños de Orbazai, Andaina, Arrincadeira Folk, Batital, Caivanca, Pastillas Mamut, S3, Safari Orquestra, Telémaco e Zrutablism.

Apoio ós artistas da provincia

Esta non é a primeira ocasión que a Fundación TIC presta a súa colaboración cos músicos da provincia de Lugo. Proba delo foi a gravación de varios vídeos musicais como “Torres de Compostela”, da eurovisiva Lucía Pérez, que contribuíu á promoción da provincia de Lugo, ou “La búsqueda” e "New conclusions", dos grupos ribadenses “Escala Dinker” e “Sun Face”, ademais do grupo do Incio “Arandela”, de música tradicional, entre outros. Tamén prestou apoio en varios festivais de música como o “Resurrection Fest 2011” e “Hardcore Assault! de Viveiro ou o da Canción do Landro, tamén no municipio vivariense, que se celebrou este verán e que a TIC gravou para difundir en “V Televisión” e na segunda canle da TVG.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet