Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

23/11/2011

A Fundación TIC asumirá a xestión do primeiro centro de innovación social en Galicia, o In Lugo, para aforrar recursos

Imaxe da reunión do PatronatoImaxe da reunión do Patronato

A entidade aproba un orzamento de 2,5 millóns de euros, 1 millón máis que o ano pasado, grazas ós fondos europeos
Na súa nova andaina, o 1º Centro de Innovación Social en Galicia centrarase na 3º idade para mellorar a súa calidade de vida mediante as novas tecnoloxías, e nos mozos co fin de facilitar a súa inserción laboral
Por cuarto curso consecutivo manterase a gratuidade da matrícula na Escola de Imaxe e Son e aumentarase o programa de bolsas de formación para titulados
Toman posesión os novos Patronos representantes dos tres grupos políticos presentes na Corporación

O Padroado da Fundación TIC, presidido polo seu máximo responsable e Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, aprobou este martes o Presuposto de 2012 e aceptou a encomenda da Deputación para xestionar o Centro de Innovación Social In Lugo, que inicia deste xeito unha nova andaina grazas ós fondos europeos. O orzamento total da TIC ascende a 2.577.455 euros, 1.050.000 máis que en 2011. Deste incremento, 1 millón de euros procede dos fondos europeos acadados pola Deputación.

Gómez Besteiro dixo que “grazas ós fondos acadados pola Deputación na Unión Europea, neste caso a través do Innova-TE 2, a Fundación TIC xestionará un programa que ten como principais obxectivos ofrecer formación especializadas sobre as novas tecnoloxías para facilitar a inserción laboral, especialmente, dos mozos; e mellorar a calidade de vida dos nosos maiores a través das novas tecnoloxías”. Neste senso lembrou que “na nosa provincia hai preto de 120.000 persoas con máis de 65 anos, o que representa o 33,7% da poboación lucense. Dende o organismo provincial estamos moi sensibilizados con este colectivo e volcámonos en iniciativas que melloran o seu benestar, como as actividades programadas polo centro In Lugo ou a construción de 12 residencias e centros de día”.

Aproveitar sinerxias para o aforro A Deputación puxo en marcha o Centro de Innovación Social (CIS), cun financiamento do 88,9% do Ministerio de Industria a través do Plan Avanza, na segunda planta da EIS. “Consideramos que era a localización máis axeitada, en tanto que se trata dun proxecto estreitamente vinculado coas novas tecnoloxías e a innovación. Este vencellamento, tanto físico, como de obxectivos, fai que o máis operativo sexa que a TIC pase a ocuparse da xestión do In Lugo, pois mellorará a súa eficiencia e aproveitaranse sinerxias”. O proxecto conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros, distribuídos en dúas anualidades (2012-2013).

O máximo responsable da Fundación avanzou que a nova programación do In Lugo “inclúe actividades para que as persoas da terceira idade exerciten tanto o seu corpo como a súa mente dun xeito ameno, contribuíndo ó seu benestar. Pero ademais, favorecerá a alfabetización tecnolóxica deste colectivo para que se achegue ás novas tecnoloxías e ós servizos que estas ofrecen como pode ser, por exemplo, a administración sen papeis”.

O In Lugo proseguirá tamén, coa programación de cursos gratuítos sobre novas tecnoloxías, ofrecendo formación especializada nesta materia co fin de facilitar a inserción laboral, especialmente, dos mozos. Durante a súa primeira fase, preto de 1.000 persoas de todas as idades participaron, sen custe algún, nas máis de 100 variadas e novidosas accións formativas. Mostra delo, o vindeiro mes o Centro acollerá o curso “Community Manager”, unha xornada sobre as vantaxes dos medios sociais dirixida ás PEMES para a posta en valor das empresas, ademais de “Buscadores de emprego a través de Internet” para desempregados. Trátanse de dous cursos que permitirán ós participantes, no primeiro caso, aumentar a competitividade das pequenas empresas e no segundo, facilitar a súa inserción laboral.

Ensino gratuíto e de calidade O Padroado tamén acordou manter en 2012 o esforzo inversor para garantir a gratuidade da matrícula por cuarto ano consecutivo co obxectivo de facilitar ó máximo o acceso a un ensino gratuíto e de calidade. Este esforzo económico estase a reflectir no incremento da demanda, que foi do 100% no ciclo de Produción e do 18% no de Realización con respecto a 2003, ano no que a EIS comezou a súa actividade. No curso 2011-2012 as 44 prazas que oferta a Escola cubríronse na súa totalidade na convocatoria ordinaria de xuño, quedando persoas en lista de espera.

Bolsas para a inserción laboral A inserción laboral dos titulados da EIS seguirá a ser a máxima prioridade da Fundación. Para acadar este obxectivo potenciarase unha educación moderna, vangardista e de calidade que vencelle directamente a formación dos alumnos ás necesidades e esixencias das empresas do sector audiovisual. A oferta basearase na combinación de formación e produción en contextos e escenarios reais a través de convenios de colaboración con empresas de produción de espectáculos multimedia. Para elo potenciarase o programa de bolsas de formación cun incremento de 50.000 euros na partida destinada a este fin. Na actualidade, a TIC mantén contrato con máis de 60 empresas nacionais do sector multimedia. Esta liña de colaboración permite que os alumnos e titulados da EIS leven a cabo traballos profesionais que lles facilitan a súa incorporación ó mercado laboral.

Ademais, a TIC mantén convenios de colaboración con medio cento de ONGs, asociacións culturais, entidades deportivas e empresas tecnolóxicas para difundir o seu labor mediante a realización de proxectos audiovisuais nos que participan alumnos e bolseiros da Escola para complementar a súa formación práctica. Estes acordos incrementáronse nun 400%. Por outra banda, seguirán as colaboracións en proxectos audiovisuais que teñan como escenario de rodaxe ou gravación o territorio da nosa provincia e manterase o apoio ós Concellos, ós que se lles proporciona material audiovisual de tipo turístico, empresarial etc.

>Novos patronos Na reunión deste martes tomaron posesión como novos patronos os representantes dos tres grupos con presenza na Corporación provincial: José Ramón Val Alonso e Álvaro Santos Ramos polo PSOE; José Pardo Lombao polo PP; e Antonio Veiga Outeiro polo BNG. Continúan os dous representantes do sector audiovisual: o produtor José María Besteiro e o director Jorge Coira


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet