Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

11/10/2011

A Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC cubre por 3º ano consecutivo as 44 prazas dos seus ciclos superiores

  • archivos/fotos/grandes/D77K2919.JPG

    Gómez Besteiro e Segundo Grandío na apertura do ano académico

    Gómez Besteiro e Segundo Grandío na apertura do ano académico
  • archivos/fotos/grandes/D77K2966.JPG

    Imaxe do acto de inauguración do curso

    Imaxe do acto de inauguración do curso







O Presidente Provincial e o produtor artístico e ex membro de Siniestro Total Segundo Grandío inauguraron o curso académico 2011-2012, para o que se cubriron todas as prazas en xuño
Besteiro subliñou o esforzo da Deputación por facilitar o máximo acceso ó ensino mantendo por terceiro ano a gratuidade da matrícula, fronte “ós recortes que determinadas administracións aplican á Educación”
Grandío, ex membro de Siniestro Total e fundador dos estudos Casa de Tolos, compartiu cos alumnos da EIS as súas experiencias nos diversos eidos do sector audiovisual polos que discorre a súa traxectoria profesional

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, e o músico, técnico de son e produtor artístico Segundo Grandío inauguraron este martes o curso académico 2011-2012 da Escola de Imaxe e Son (EIS) de Lugo, que depende do organismo provincial. A EIS, o único centro educativo da provincia que imparte ensinanzas de formación profesional da familia audiovisual, cubriu por terceiro ano consecutivo as 44 prazas que oferta para cursar os ciclos superiores de Realización e Produción de Audiovisuais.

Durante o acto de inauguración do novo curso, Gómez Besteiro subliñou o esforzo que realiza a institución provincial por “facilitar o máximo acceso ó ensino”. Deste xeito, sinalou que fronte “ós recortes que determinadas administracións aplican á Educación, na Deputación conseguimos manter a gratuidade da matrícula da Escola de Imaxe e Son por terceiro ano consecutivo”.

A EIS oferta 44 prazas, 22 para cada un dos módulos, que se cubriron na súa totalidade na convocatoria ordinaria de xuño. O centro imparte 2.000 horas lectivas, distribuídas en dous cursos formativos. O esforzo económico da Fundación TIC reflíctese no incremento da demanda, que foi do 100% no ciclo de Produción e dun 18% no de Realización, con respecto ó 2003, ano no que iniciou a súa actividade. Dende entón, preto de 170 alumnos cursaron os seus estudos no centro da Fundación TIC.

Alto nivel de inserción laboral
Entre os obxectivos prioritarios da Fundación encóntrase facilitar a inserción laboral dos alumnos da EIS, que está a ser moi alto grazas ó nivel de formación que reciben e a posibilidade de realizar prácticas reais. Na actualidade, a TIC mantén contacto con máis de 60 empresas nacionais do sector multimedia e ten asinados convenios de colaboración con ONGS, asociacións culturais e entidades deportivas para difundir o seu labor mediante a realización de proxectos audiovisuais. Esta liña de colaboración permite que os alumnos e titulados da EIS leven a cabo traballos profesionais, a través dun programa de bolsas, que lles faciliten a súa incorporación ó mercado laboral.

A sona adquirida nos últimos anos fai que a demanda de persoas que queren matricularse na EIS transcenda non só os límites da provincia, tamén da comunidade autónoma galega. No centro cursan estudos alumnos procedentes de Valencia e Murcia.

Grandío, cos alumnos
No inicio oficial do curso, o produtor lucense Segundo Grandío quixo achegar ós alumnos da EIS a súas experiencias nos distintos ámbitos do audiovisual, no que desenvolve o seu traballo desde o inicio da súa carreira, no ano 1988, como músico, técnico de son e coprodutor do grupo galego Siniestro Total, ata agora.

Posteriormente, no ano 1999, Grandío fundou os estudos Casa de Tolos, sitos na localidade pontevedresa de Gondomar, nos que desde entón levou a cabo máis de 300 traballos discográficos, na maioría deles facendo apoio visual coa realización de vídeo clips, making of e documentais, ademais da postproducción de audio.
No 2003, o produtor fundou a discográfica PAI Música e a editorial PAI Edicións S.L. Dende o 2005 ata hoxe é o responsable das gravacións musicais do programa da TVG Alalá. Segundo Grandío foi tamén produtor musical do programa Banda Curta e compositor da Banda Sonora Orixinal da película Simbad, da TVG e Ficción Producciones. Na canle galega, dirixe ademais o programa Enrede.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet