Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

11/04/2011

A Fundación TIC elaborou dous DVDs promocionais sobre o patrimonio cultural de Antas de Ulla

Os traballos audiovisuais, realizados pola TIC, recollen a tradición de dúas das festas patronais máis emblemáticas do concello, as de Santiago de Dorra e Santa Mariña

Un equipo de alumnos e profesionais da Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, elaborou dous DVDs promocionais sobre o patrimonio cultural do Concello de Antas de Ulla. Os traballos audiovisuais recollen a tradición de dúas das festas patronais máis emblemáticas da localidade, as de Santiago de Dorra, que se celebran o 25 de xullo, e as de Santa Mariña, que teñen lugar o primeiro domingo de agosto.

A gravación comezou durante as festas do verán de 2010 e consta dunha primeira parte, común nos dous casos, na que se describen os recursos e atractivos do Concello de Antas de Ulla, e unha segunda parte, na que se mostran os actos de celebración en si, entre os que teñen un papel destacado as procesións pola súa gran tradición e a importante cantidade de persoas que participa. Para os traballos contouse coa participación activa dos verdadeiros protagonistas: os asistentes ás patronais e os representantes dos colectivos veciñais. Deste xeito, o equipo da Fundación TIC recolleu as súas testemuñas, nas que relatan vivencias persoais e o especial significado que teñen os festexos, en canto que implican reencontrarse con familiares e amigos e pasar unha xornada de diversión na súa compaña.

A Fundación TIC editou 150 exemplares de cada DVD, que comezaron a repartirse de maneira totalmente gratuíta o venres 8 de Abril coincidindo coa súa presentación.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet