Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

15/07/2010

A Fundación TIC patrocina os documentais oficiais das Reservas da Biosfera da provincia

reserva biosferareserva biosfera

Gómez Besteiro destacou que “se trata dunha iniciativa eco-lóxica, porque loxicamente o futuro de Lugo pasa polo medio ambiente. É a nosa oportunidade económica”
Cada documental emitirase na canle Caza y Pesca de Digital+ en 39 ocasións ó longo de 3 anos. A estrea será o 26 de Xullo co programa adicado a Terras do Miño
A presentación contou con numeroso público entre o que estaban Alcaldes das 3 Reservas e empresarios destas zonas

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este martes os documentais oficiais das 3 Reservas da Biosfera da provincia de Lugo: Terras do Miño, Ancares e Río Eo-Os Oscos-Terras de Burón, que patracinou o organismo provincial e contou coa colaboración de bolseiros da Escola de Imaxe e Son e persoal do Centro de Produción de Programas da Fundación TIC.

Gómez Besteiro, que estivo acompañado polo realizador Yago Mazoy e polo Alcalde de Lugo, José López Orozco, subliñou que “se trata dunha iniciativa eco-lóxica, porque loxicamente o futuro de Lugo pasa polo medio ambiente. É a nosa oportunidade económica”. Os documentais, de 30 minutos de duración cada un, amosan os valores naturais que levaron á UNESCO a recoñecer como Reservas da Biosfera o 55% do noso territorio, así como as actividades tradicionais que contribuiron á súa conservación.

Por terra, auga e aire

Á presentación dos documentais, que tivo lugar nos xardíns posteriores do Centro de Interpretación Terras do Miño, asistiu numeroso público, entre o que destacaron Alcaldes e Alcaldesas dos 36 Concellos das 3 Reservas e representantes de empresas que traballan nestas zonas.

Son os primeiros documentais que se elaboran co obxectivo de promocionar estes espazos naturais, xa que antes non existía un documento audiovisual semellante. Os primeiros foron distribuidos no acto de presentación, no que se proxectou un resumo dos mesmos. Para a súa elaboración contouse con persoal especializado e empregouse material específico, como cámaras sumerxibles, xa que inclúen imaxes acuáticas e tamén aéreas.

Os programas amosan non só a grande riqueza paisaxística e faunística das Reservas, como o bosque de faias máis occidental de Europa ou especies de altísimo valor como o urogallo, o oso, o salmón ou as lampreas, senón tamén actividades humanas tradicionais que contribuiron á conservación destes espazos naturais, entre elas, a gandeiría, a elaboración de produtos autóctonos ou as ferreirías.

En Caza y Pesca

O Presidente da Fundación anunciou que os documentais se emitirán na canle Pesca y Caza de Dixital+ . O primeiro, sobre Terras do Miño, estrearase o luns, 26 de xullo, ás sete da tarde. O documental dos Ancares, emitirase por primeira vez o 23 de agosto, tamén ás 19:00 horas, e o de Río Eo, Os Oscos e Terras de Burón, o 20 de setembro á mesma hora. Cada programa será emitido en 13 pases cada ano durante 3 anos. Polo tanto, cada capítulo poderá verse en 39 ocasións en distintos días e franxas horarias.

Co maior número en Galicia

Lugo é unha das provincias que conta con maior número de Reservas da Biosfera en España e está á cabeza en Galicia. A de Terras do Miño foi a primeira declarada en Galicia, no ano 2002, e é a segunda máis grande da Península Ibérica. Inclúe 26 municipios da cunca alta do Miño: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara. Ocupa o 39% da provincia de Lugo cunha superficie de 363.668 hectáreas.

Os Ancares lucenses foron declarados Reserva da Biosfera pola UNESCO en 2006 e está formada polos Concellos de Navia de Suarna, Becerreá e Cervantes. A súa superficie é de 53.664 hectáreas, o 6% do total da provincia.
En canto a Río Eo, Os Oscos e Terras de Burón foi declarada Reserva en 2007 e abarca 14 Concellos, 7 asturianos e 7 lucenses. Na parte da provincia de Lugo, a súa superficie é de 108.007 hectáreas, o 11% da súa superficie, e afecta ós municipios de Ribadeo, Trabada, A Pontenova, Ribeira de Piquín, Baleira, A Fonsagrada e Negueira de Muñiz.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet