Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

10/05/2010

A TIC aproba por unanimidade as contas de 2009 por máis de 1,6M€, e abre a matrícula para o novo curso o 21 de xuño

Esta cantidade increméntase nun 42% con respecto a 2008, anualidade na que as contas sumaron 1.139.820 euros.
Gómez Besteiro subliña que “este incremento débese ó aumento no apoio ós Concellos, á prestación de servizos ás empresas e entidades sociais, e ás actividades dirixidas ó fomento do emprego dos nosos alumnos”.
O Centro de Proceso de Datos de Respaldo que garante o funcionamento dos 120 procedementos do Innova-TE ubicarase na Fundación “multiplicando por 10 a capacidade de acceso á Rede, e reforzando os servivos que presta a entidade”.

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, presidiu este luns a reunión do Padroado desta entidade na que se aprobaron por unanimidade as contas do exercicio de 2009 que ascenden a 1.625.148 euros. Esta cantidade increméntase nun 42% con respecto a 2008, anualidade na que as contas sumaron 1.139.820 euros. Gómez Besteiro subliñou que “este incremento débese ó aumento no apoio ós Concellos, á prestación de servizos ás empresas e entidades sociais, e ás actividades dirixidas ó fomento do emprego dos nosos alumnos”

Unha das prioridades da Fundación é desenvolver novas fórmulas que faciliten a inserción laboral dos estudantes. Na actualidade, esta entidade mantén relación con máis de 60 empresas nacionais, e estanse a asinar novos convenios con entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia. Neste senso, o Presidente anunciou que “seguiremos fomentando a relación da Escola co sector empresarial mediante convenios de prácticas, bolsas e diversas colaboracións para ofrecer unha formación de calidade e axeitada á demanda do mercado audiovisual, e acadar a inserción laboral dos nosos alumnos”.

Na sesión, ademais de Gómez Besteiro, estiveron presentes os membros dos diferentes grupos políticos que compoñen o Padroado, así como o director Jorge Coira, e o produtor José María Besteiro.

Prazo de matrícula
Dende o inicio da actividade da EIS, a única da provincia, máis de 125 alumnos cursaron os seus estudos de Produción e Realización. En 2009 foi o curso no que, por primeira vez, se cubriron todas as prazas e no que, debido o aluvión de demandantes, houbo unha ampla lista de espera. Gómez Besteiro adiantou que o 21 de xuño abrirase o prazo de inscrición para o curso académico 2010-2011.
Impreso para a preinscrición

Actividades da Fundación en 2009
As actividades desenvoltas en 2009 nos centros dependentes da fundación - CPR TIC Escola de Imaxe e Son de Lugo, CPP Centro de Produción de Programas e LFC Lugo Film Commission -, a partir dos informes de xestión e das memorias de actividades presentadas na sesión do Padroado, responden a tres obxetivos:

1º) Apoio á formación práctica dos alumnos da EIS. Este ano houbo, entre outras actividades, encontros con directores como José Luis Cuerda, Ángel de la Cruz ou Manane Rodríguez; visitáronse as rodaxes de Os Crebinsky ou Os mortos van a presa; e estudantes e bolseiros, así como técnicos da Fundación, participaron na gravación do documental Hitler, Garbo... e Araceli, nas curtametraxes que o director Roberto Lolo realizou en Sarria, e en varias competicións deportivas emitidas en televisións de ámbito local e nacional.

2º) Cooperación cos Concellos e colaboración con empresas e entidades sociais para a promoción da provincia. A Fundación realizou diferentes vídeos sobre os Camiños que atravesan a provincia, festas, o labor dos establecementos turísticos, ou o das asociacións sen ánimo de lucro. Da mesma forma, difunde os seus contidos os medios de comunicación de Galicia.

3º) Accións de promoción e difusión das Tic. Neste apartado inclúense, por exemplo, actividades para a difusión das Tic ós xubilados no Día do maior, no San Froilán co proxecto Son de Lugo e non o nego, ou a posta en marcha dun novo portal Web onde se reflicta todo o traballo que se vén de realizar a diario.

Central de Proceso de Datos
O titular do organismo provincial adiantou que o Centro de Proceso de Datos de Respaldo –CPD- ubicarase nas instalacións da Fundación no Polígono do Ceao “multiplicando por 10 a capacidade de acceso á Rede, e reforzando os servizos que na actualidade presta esta entidade”. A CPC é un sistema que centraliza a información da Deputación e dos Concellos, e garante o funcionamento dos 120 procedemento que presta ós cidadáns o programa Innova-TE ante calquera adversidade. A CPC Central situarase no Pazo de San Marcos, malia que por seguridade e obrigatoriedade, o organismo provincial acondicionará esta segunda sala.





Para ver este reproductor necesitas instalar Flash Player



< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet