Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

25/11/2013

Directores e realizadores do audiovisual galego formarán ós alumnos da TIC grazas ó convenio asinado con CREA

-Gómez Besteiro dixo que “queremos vincular a formación dos nosos alumnos co audiovisual galego co obxectivo de contribuír a súa inserción laboral”
-O director de curtas Xacio Baño inaugurará este luns ás 16:00 horas o programa de actividades que inclúe masterclasses, obradoiros e titorías dos proxectos de fin de ciclo

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Presidente da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA), o lucense Jorge Coira, veñen de asinar un convenio de colaboración que ten por obxectivo complementar a formación dos alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual, a través de masterclasses, obradoiros e titorías dos proxectos de fin de ciclo.


Gómez Besteiro destacou a importancia deste acordo, xa que “os nosos alumnos poderán aprender da experiencia de realizadores e directores de todas as especialidades, desde longametraxes, curtas e series de televisión ata publicidade ou novos formatos”. Neste senso dixo que “deste xeito vinculamos a formación dos nosos alumnos cun sector, como o audiovisual galego, no que hai profesionais de recoñecido prestixio e moito talento algo que, sen dúbida, contribuirá ó noso máximo obxectivo que é a inserción laboral dos titulados da EIS”.


Pola súa banda, Coira sinalou que está “encantado con esta colaboración, xa que na Escola de Imaxe e Son de Lugo hai gañas de facer cousas novas para que a formación non sexa aburrida e funcionarializada”. Neste senso, dixo que “aínda que nas escolas se aprende teoría e práctica, hai moitas regras non escritas que é bo saber para introducirse neste sector como, por exemplo, a que produtor se lle pode presentar un determinado proxecto, algo que poderemos aportar desde CREA”.


O director Xacio Baño inaugura a colaboración

O director de curtas Xacio Baño, natural de Xove, será o encargado de inaugurar o convenio este luns, 25 de novembro, cunha mastreclass que se celebrará ás 16:00 horas no Salón de Actos da Escola. Baño debutou no cine en 2009 coa curta Quentefrío e deixou pegada no audiovisual galego con tres proxectos máis: Relación de acordes (2009), Estereoscopía (2011) e, sobre todo, Anacos (2012), exhibido en máis de trinta festivais.


En total, os membros de CREA impartirán este curso 10 masterclasses e 4 obradoiros.

Os seguintes en impartir clases maxistrais serán Juan Galiñanes (storyboard o 10 de decembro); Miguel Conde (series de televisón o 13 de xaneiro); Pela del Álamo (documentais o 3 de febreiro); Jorge Algora (longametraxes o 24 de febreiro); Manel Iglesias (televisión o 13 de marzo); Marcos Nine (documental o 7 de abril); Dani de la Torre (TV movie o 28 de abril); Fernando Cortizo (animación o 5 de maio); e Giselle Llanio (dirección de actores o 12 de maio). En canto ós obradoiros: Ángel de la Cruz (guión e dirección o 3 de decembro); Juan Lesta (videoclip o 4 de febreiro); Sonia Méndez (webserie o 4 de marzo); e Marta Piñeiro (serie TV o 1 de abril).


Titores para os proxectos de fin de ciclo

Ademais, os directores e realizadores de CREA exercerán de titores externos na realización de proxectos de fin de ciclo dos alumnos. Estas titorías constarán de catro reunións, dun mínimo de hora e media de duración cada unha, entre os alumnos e o titor ó longo do proceso de produción da curtametraxe. Como titores tamén lles aportarán a súa experiencia profesional directa. CREA reservará para os alumnos da EIS un 10% de prazas de todas as actividades de formación de alto nivel que celebre fóra da Fundación.


En defensa dos intereses do sector
CREA é unha asociación profesional sen ánimo de lucro que agrupa a máis de 60 directores e realizadores do audiovisual galego, incluídos os que realizan traballos en cine, televisión, multimedia, publicidade e vídeo. Creouse hai oito anos co obxectivo de defender os intereses dos directores e realizadores do audiovisual en Galicia e apoiar ó sector.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet