Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

02/05/2013

Alumnos de 1º da EIS organizan o 10 de maio o I Festival Itinerante de Balcóns e Espazos Sonoros, pioneiro en Galicia

imaxe do acto de presentacion de FIBESimaxe do acto de presentacion de FIBES

-Gómez Besteiro destacou que “este é un exemplo do modelo educativo da TIC, con prácticas en escenarios reais para unha formación de calidade e axeitada á demanda do mercado laboral”
-Balcóns da Deputación, Concello, Méndez Núñez e Pazo da Pombas son algunhas das localizacións do FIBES con espectáculos de música e danza durante todo o día
-A idea partiu dos alumnos de 1º de Produción que contarán coa colaboración dos de 1º de Realización para a gravación de todas as actuacións

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, presentou este xoves o I Festival Itinerante de Balcóns e Espazos Sonoros (FIBES), unha iniciativa pioneira en Galicia organizada integramente polos alumnos de 1º de Produción da Escola de Imaxe e Son de Lugo, o único centro da provincia que imparte ensinanzas da rama audiovisual. O festival celebrarase o 10 de maio ó longo de todo o día en diversos balcóns e espazos do recinto amurallado da cidade de Lugo e conta coa colaboración dos alumnos de 1º de Realización, que se encargarán de gravar todas as actuacións.

No acto de presentación, que tivo lugar na Praza de San Marcos, tamén participaron o tenente de alcalde de Lugo, Luis Álvarez, e os directores do proxecto, Alejandro Losada e Marco Amor, ambos os dous alumnos de 1º de Produción da EIS. A presentación rematou coa actuación musical de David Prado.

FIBES:exemplo de práctica en escenarios reais
O máximo responsable provincial afirmou que “este é un exemplo do modelo educativo que promovemos na TIC, no que as prácticas en escenarios reais son fundamentais para acadar unha formación de calidade e axeitada á realidade á demanda do mercado laboral”. Neste senso subliñou que foron os propios alumnos os que tiveron a idea e os encargados de todo o proceso de produción e organización, incluída a presentación ante os medios de comunicación.

O festival suporá un día de concertos e espectáculos adaptados a cada localización e público. “É a primeira vez en Galicia que se empregan os balcóns para facer concertos e espectáculos de danza. Tan só se fixo algo similar nun par de cidades de toda España, o que dá máis valor ó traballo feito durante estes meses polos nosos alumnos”, apuntou o máximo responsable provincial. Ademais o FIBES servirá para dar a coñecer a diversos grupos e artistas lucenses e buscará a implicación do público co factor sorpresa como unha das súas principais características.

Implicación dos alumnos
Alejandro Losada explicou que a iniciativa xurdiu dentro do módulo de Planificación, Espectáculos e Eventos de 1º de Produción. A comezos de curso os alumnos presentaron varias propostas e finalmente optouse pola organización deste evento.

Na iniciativa tamén colaboran estudantes doutros centros educativos. É o caso dos alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Lugo. Ademais, o logotipo do FIBES foi elaborado por Rodrigo Insua, alumno da Escola de Arte e Deseño Ramón Falcón, que tamén se encargou da toda a imaxe corporativa.

Horarios e localizacións
Pola súa banda, Marco Amor foi o encargado dar conta dos horarios e escenarios previstos, aínda que se reservan varias sorpresas para a propia xornada do festival.

- 11:00 horas na Praza de Abastos actuará o grupo Combo Jazz do Conservatorio Profesional de Música de Lugo.
- 12:30 horas no balcón do hotel Méndez Núñez actuación de David Taboada e Asociados.
- 17:00 horas no balcón Casa Consistorial actuarán agrupacións do Conservatorio.
- 19:00 horas no balcón do Pazo de San Marcos tocaralle a quenda ó grupo Tierra de cinco minutos
- 21:00 horas nos balcóns da Casa das Pombas, no fondo da Prazo do Campo, tocará o grupo de rock monfortino The Miñocas
- 22:00 horas , tamén nos balcóns de Casa das Pombas, o DJ KOO será o encargado de pechar o FIBES.

Está previsto que o festival remate sobre as 12 da noite.


ENLACE Ó BLOG DE FIBES


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet