Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

29/04/2013

A TIC superou o seu récord con 550 actividades ó ano enmarcadas na educación pública

Imaxe da reunión do padroadoImaxe da reunión do padroado

-O Padroado aproba as contas do ano pasado cun grado de execución do 99,19%, o cumprimento de estabilidade orzamentaria e un prazo de pago a provedores de 16,6 días
-Gómez Besteiro destaca a optimización de recursos e o esforzo económico para garantir unha educación pública e de calidade coa gratuidade da matrícula
-O compositor musical Arturo Vaquero tomou posesión como patrón experto no sector xunto ó director Jorge Coira, que repite no cargo




O Padroado da Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, analizou este luns a memoria de actividades do ano 2012, no que superou o seu récord con máis de 550 accións enmarcadas na educación pública. Na sesión, á que se incorporou como novo patrón o compositor Arturo Vaquero, tamén se aprobou a conta anual do pasado exercicio cun grado de execución do 99,19% do presuposto, que ascendeu a 1.635.505 euros e que cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria.

Neste senso, o Presidente da Fundación e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, incidiu en que “2012 foi o ano no que a Fundación TIC desenvolveu máis actividades, accións formativas e bolsas de emprego en toda a súa historia. E todo isto co mesmo presuposto de anos anteriores, o que demostra que en época de crise, e cunha boa xestión, se poden optimizar recursos e cubrir máis necesidades”. O titular provincial subliñou que esta boa xestión tamén se reflicte en datos como o prazo medio de pago ós provedores, que se situou en 16,6 días, fronte ós 60 de máximo que establece a lei.


O ano pasado a Fundación tamén incidiu nun dos seus sinais de identidade: o contacto directo do alumnado, desde o comezo da súa formación, con empresas e institucións vinculas ó sector multimedia. Neste senso, acadáronse 76 acordos con prestixiosas empresas a nivel nacional, que colaboran coa TIC a través de prácticas e bolsas de emprego que facilitan ós alumnos o seu primeiro contacto co mundo laboral.

Precisamente en 2012 incluíronse por primeira vez as bolsas de emprego Leonardo da Vinci, financiadas nun 70% pola Unión Europea. Destinadas a titulados da EIS, son axudas para a realización de prácticas en empresas de Irlanda, Italia e Portugal.


Por outra banda, Gómez Besteiro dixo que “dentro da nosa política de transparencia, a Fundación afondou o ano pasado na súa apertura á sociedade lucense”. Unha das iniciativas máis destacadas foi a xornada de portas abertas Habertic. Ademais, pasaron polas instalacións da TIC máis de de 1.100 persoas, sobre todo alumnos de centros educativos e participantes no programa Km0.

Outro dos piares das actividades desenvolvidas en 2012 foi a prestación de apoio técnico e formativo a Concellos da provincia e a entidades públicas e privadas para accións vinculadas ó sector multimedia. Tamén se levaron a cabo iniciativas encamiñadas a achegar ós lucenses a sociedade das novas tecnoloxías, como o código QR, que permitiu ós veciños que participaron no ISF 12 Incursión no San Froilán descargar ó momento vídeos no seu móbil.

No capítulo de investimentos, e logo do importante esforzo dos últimos anos para reestruturar as instalacións e adquirir un equipamento moderno e acorde coa realidade laboral, en 2012 adquiriuse un equipo de stream recorder. Deste xeito, os estudantes participaron na retransmisión de actividades a tempo real a través da internet. Ó mesmo tempo, grazas ó streaming, a entidade ofrece ós cidadáns un servizo público que lles permite ver en directo a través dos seus dispositivos móbiles, actividades como as sesións plenarias da Deputación ou o Encontro Internacional de Baristas.
Renovación dos patróns expertos no sector.

A reunión do Padroado asistiron ós representantes dos tres grupos provinciais e renovouse, como cada catro anos, ós patróns expertos do sector. Nesta ocasión, repite no cargo o director Jorge Coira e incorpórase Arturo Vaquero, en substitución do produtor José María Besteiro. O compositor musical e responsable do estudo de son Abrigueiro ten unha acreditada experiencia que conta con numerosos recoñecementos. Entre eles, destaca unha candidatura en 2010 a un premio Goya á mellor canción por “Agallas vs. Escamas” e o premio Mestre Mateo 2013 á mellor música orixinal da longametraxe de animación “O Apóstolo”.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet