Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

22/04/2013

A Fundación TIC colabora coa Semana da Danza para promover Lugo a través das artes e a educación

semana de la danza lugo 2013semana de la danza lugo 2013

Bolseiros e persoal técnico da TIC elaborarán un DVD coas actuacións organizadas polo Conservatorio de Danza e o Concello de Lugo, en homenaxe este ano a Isadora Duncan

A Fundación TIC favorece a inserción dos titulados na Escola de Imaxe e Son coa realización de prácticas reais en proxectos audiovisuais cos que apoia o labor das entidades sen ánimo de lucro da provincia

Bolseiros da Escola de Imaxe e Son e persoal técnico da Fundación TIC gravarán as actuacións da Semana da Danza de Lugo, que se celebra do 24 ó 30 de abril, en homenaxe á bailarina Isadora Duncan. Isto é posible grazas ó convenio que a Fundación TIC mantén co Conservatorio de Danza de Lugo, co fin de difundir os valores educativos desta expresión artística que supón unha canle de interese para a promoción da provincia.

O Conservatorio de Danza e o Concello de Lugo organizan o evento por segundo ano consecutivo para conmemorar o Día Internacional da Danza, o 29 de abril. O programa inclúe numerosas actividades que se celebrarán en distintos lugares da cidade, mesmo na rúa, e contará coa participación de varios centros de danza de Galicia. Entre as novidades desta edición destaca unha coreografía que percorrerá, o sábado 27 de abril, o centro histórico da capital. Nela participarán unhas 150 persoas acompañadas dos músicos da Escola municipal de Lugo. Tamén por primeira vez, á programación incorpóranse novos estilos de danza como o flamenco, o baile deportivo e moderno ou a danza do ventre.

O labor sociocultural da TIC
A colaboración da Fundación TIC é posible grazas ó convenio subscrito co Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, unha das 120 entidades coas que ten asinados convenios. Este apoio cumpre cun dobre obxectivo: por unha banda é un importante factor de promoción do traballo que levan a cabo todas estas entidades e, por outra, os alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo, único centro público da provincia que ofrece ensinanzas superiores da rama audiovisual, complementan a súa formación con prácticas reais en diversos proxectos audiovisuais, de cara a súa inserción laboral.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet