Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

16/04/2013

A TIC comeza este martes no IES Leiras Pulpeiro as xornadas de orientación destinadas a estudantes de 2º de BAC

-Un profesor e unha alumna da EIS desprazaranse a este instituto de Lugo para informar sobre os ciclos de Realización e Produción e as súas saídas laborais.
-As xornadas desenvolveranse ata o 11 de maio, e todos os institutos da provincia interesados poderán participar na iniciativa poñéndose en contacto coa TIC

A Fundación TIC inicia este martes no IES Leiras Pulpeiro de Lugo as primeiras xornadas de orientación en institutos da provincia destinadas principalmente a alumnos de 2º de BAC. Esta iniciativa ten por obxectivo dar a coñecer a Escola de Imaxe e Son, o único centro da provincia que imparte ensinanzas da rama audiovisual, ós rapaces e rapazas que rematan agora os seus estudos nos centros de secundaria e deben decidir a especialidade na que se formarán no futuro.

As xornadas prolongaranse ata o 11 de maio en diversos institutos da provincia. Todos os centros que estean interesados en participar na iniciativa poderán poñerse en contacto coa Fundación TIC a través do número de teléfono 982 284 667 ou achegarse á súa sede, na rúa Frei Plácido Rei Lemos, en Lugo.

Experiencia en primeira persoa
No encontro do martes, que comezará ás 11 horas, os estudantes de BAC recibirán información sobre os dous ciclos superiores que se imparten na EIS, Realización e Produción. Un profesor da Escola desprazarase ó Leiras Pulpeiro acompañado dunha alumna que está a realizar neste momento as súas prácticas de Produción na empresa audiovisual Hachedé Visual e que xa ten a titulación de Realización.

Durante a xornada o docente exporá o modelo formativo da Escola, que combina a parte teórica con prácticas en escenarios reais. Ademais, explicará en que consisten as profesións de produción e realización e as súas saídas no mercado laboral. Pola súa banda, a alumna contará a súa experiencia en primeira persoa e falará sobre algúns dos traballos que desenvolveu durante os anos que estudou no centro. Os dous atenderán todas as dúbidas e inquedanzas do rapaces.

A charla completarase coa proxección dun vídeo promocional sobre a Escola. Tamén se repartirá un dossier con información, farase unha enquisa sobre televisión para coñecer os gustos e hábitos dos estudantes e poranse a disposición dos alumnos interesados formularios de preinscrición para o curso 2013-2014.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet