Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

05/04/2013

A Fundación TIC dará a coñecer a Escola de Imaxe e Son con xornadas de orientación nos institutos lucenses

Imaxe do anuncio no Concurso IntercentrosImaxe do anuncio no Concurso Intercentros

- Profesores, alumnos e exalumnos da EIS desprazaranse a partir de maio ós centros de ensino secundario para explicar ós estudantes de 2º de BAC as saídas profesionais dos ciclos de Realización e Produción
- Álvaro Santos, Deputado e Patrono da TIC, fixo este anuncio durante a celebración do II Concurso Lucus Intercentros, que foi difundido en directo a través da web da TIC grazas ó traballo dos alumnos de 2º da Escola de Imaxe e Son

O Deputado de Cooperación cos Concellos e Patrono da Fundación TIC, Álvaro Santos Ramos, anunciou este venres que no mes de maio a TIC iniciará un programa de xornadas de orientación en institutos de toda a provincia. Estarán destinadas especialmente a estudantes de 2º de BAC, “co obxectivo de que os alumnos que deben decidir ó remate deste curso que estudos seguirán, coñezan mellor a Escola de Imaxe e Son, o único centro da provincia que imparte ensinanzas da rama audiovisual. Explicaráselles que formación necesitan para ser realizadores e produtores e, sobre todo e máis importante, que saídas laborais teñen estas profesións”.

Para isto, desprazarase ata os centros de secundaria un profesor da EIS acompañado de alumnos e exalumnos que contarán as súas experiencias na Escola e resolverán todas as dúbidas que poidan xurdir. Neste senso, o Patrono da TIC dixo que “esta iniciativa forma parte da política de achegamento da Fundación á sociedade lucense que iniciamos á nosa chegada ó Goberno Provincial, e que inclúe outros proxectos como as xornadas de portas abertas na propia Escola ou a elaboración dun informativo por parte dos alumnos dos centros educativos que visitan as nosas instalacións”.

En directo na web da TIC
Álvaro Santos realizou este anuncio durante a visita que fixo ó IES Muralla Romana de Lugo para seguir a evolución do II Concurso Lucus Intercentros, que foi transmitido en directo a través da web da Fundación, www.fundaciontic.org. A transmisión foi posible grazas ó traballo dos alumnos de 2º de Realización e Produción da Escola que, baixo a supervisión de docentes e técnicos auxiliares docentes, fixeron posible que o evento puidese verse a tempo real en calquera dispositivo móbil. Empregaron unha unidade móbil con cinco cámaras e todo o material necesario para o streaming, un sistema que cada vez está a ter máis demanda.

O Deputado dixo que “dentro da nosa prioridade de garantir unha formación de calidade que contribúa á inserción laboral dos nosos alumnos, as prácticas en escenarios reais son fundamentais. A nosa colaboración co II Concurso Lucus Intercentros é un claro exemplo delo. Ademais, no noso caso, esta é unha oportunidade inmellorable para que os rapaces e rapazas dos institutos lucenses coñezan o labor educativo que desenvolvemos na nosa Escola”.

Un concurso para coñecerse
O II Concurso Lucus Intercentros, organizado polos alumnos do ciclo de Secretariado do Muralla Romana, forma parte das actividades incluídas dentro das X Xornadas de Interrelación Curricular que teñen como obxectivo poñer en contacto ós alumnos e docentes dos 7 institutos de educación secundaria públicos da capital. Ademais da TIC, colaboran a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e o CIFP Politécnico de Lugo.

Cada un dos institutos participantes presentou un equipo formado por 3 alumnos de primeiro de bacharelato. O concurso desenvolveuse en oito fases eliminatorias e rematou coa entrega de premios ós estudantes que amosen un maior nivel de coñecemento. O equipo vencedor recibirá unha tablet de 8 Gb para cada un dos seus membros; unha tablet de 4 Gb para os da segunda posición; unha memoria USB de 32 G para os terceiros; unha memoria USB de 16 G para os cuartos, e unha memoria de 8 G para cada un dos membros dos outros equipos participantes.

Colaboración moi estreita
A participación da TIC inclúese dentro do convenio de colaboración co IES Muralla Romana. Álvaro Santos indicou que “entre as numerosas colaboracións da Fundación TIC con diversas entidades públicas e privadas, quero destacar a que mantemos co IES Muralla Romana de Lugo, xa que repercute positivamente na formación práctica dos alumnos dos dous centros”.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet