Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

05/04/2013

Roberto Lolo e Coolflims, coa colaboración de alumnos da Escola de Imaxe e Son, gravan o domingo en Sarria dúas curtametraxes

imaxe do director nunha grabación coa Fundación TICimaxe do director nunha grabación coa Fundación TIC

- O cineasta sarriano gravará varias secuencias da súa última curta, “Sister´s dreams”, mentres a produtora lucense filmará novas escenas da mediametraxe “O Crime da Legua Dereita” de Luis Noriega e Jordi Santos
- A Fundación TIC mantén colaboracións cos profesionais do audiovisual cun dobre obxectivo: completar a formación dos estudantes da EIS, o único centro na provincia que imparte ensinanzas superiores nesta materia, e impulsar un sector en crecemento na provincia

O director sarriano Roberto Lolo grava este domingo ás 16:00 horas nunha céntrica cafetería de Sarria (Lua) varias secuencias da súa nova curtametraxe “Sister´s dreams”, coa colaboración de alumnos da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC. No mesmo día et amén no municipio sarriano, a produtora lucense Coolfilms roda novas escenas para engadir a mediametraxe “O Crime da Legua Dereita” de Luis Noriega e Jordi Santos. Tamén neste caso, estudantes do ciclo de Realización da EIS formarán parte do equipo técnico, apoiando ós profesionais nos postos de cámara, son e iluminación.

Trátase da segunda colaboración que a Fundación TIC mantén co cineasta Roberto Lolo, logo de participar na gravación e na estrea da curta “Triste Soledad de un Violinista”, na que a cantante Soraya Arnelas e o actor Alberto Amarilla desempeñaron os papeis principais. A premiere tivo lugar no Pazo de San Marcos, coa asistencia dos protagonistas e ducias de persoas.

A sede da Deputación foi tamén o escenario das presentacións dos primeiros traballos da produtora lucense Coolfilms, que comezou a súa andaina no ano 2010. A última colaboración tivo lugar, o pasado mes de marzo, por mor da estrea das curtas “Margarida” e “For Sale”, en cuxa organización e promoción participaron alumnos dos ciclos de Produción e Realización da EIS.

Novos traballos
A nova curta escrita, producida e dirixida por Roberto Lolo conta a historia de “dúas irmáns ás que une un sentimento de odio mutuo, que tan só poden materializar a través dos sonos”, segundo explica o cineasta lucense. “Sister´s dreams” ten como protagonistas ás actrices madrileñas María de Miguel e Ana Calabozo, coas que Lolo mantén unha estreita relación profesional. De feito, De Miguel intervén na curta “A través del Espejo”, que o director sarriao rodou tamén na súa vila natal. A estrea deste último filme terá lugar este venres, día 5, ás oito do serán, na Casa da Cultura de Sarria.

O thriller de Coolfilms “O Crime da Legua Dereita”, producido por Jordi Santos, conta con guión e dirección de Luis Noriega. A trama parte dun asasinato real ocorrido no 1911, en Vilalba, cando se arrincou a pel a un home vivo coa intención de curarlle un cancro. Na película intervén un recoñecido grupo de actores lucenses entre os que figuran Bea Meilán, Anxo Manuel e Lois Pérez.


Prácticas con profesionais
Alumnos da Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, participan nestes proxectos dos cineastas lucenses dentro do programa de prácticas reais en traballos profesionais para completar a súa formación, e facilitar a súa futura inserción laboral, ó tempo que apoia un sector en crecemento na nosa provincia. A EIS é o único centro educativo da provincia que imparte ensinanzas superiores de formación profesional da familia audiovisual. O Centro oferta 44 prazas, 22 para cada un dos módulos superiores de Realización e Produción, tendo ademais matrícula gratuíta agás para os repetidores.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet