Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

04/02/2013

A TIC difundirá en directo na súa web os campionatos de baristas de Foz que se celebrará o 5 e 6 de febreiro

imaxe do cartel do campionato de baristasimaxe do cartel do campionato de baristas

- Lara Méndez, Javier Jorge Castiñeira e os organizadores dos eventos presentaron esta mañá o VI Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería e o I Campionato Internacional de Baristas Profesionais, que se celebrarán os vindeiros días 5 e 6 de febreiro
- Os campionatos reunirán a 15 escolas de hostalería de Galicia, Asturias, Cantabria e Portugal nun programa que inclúe por 1ª vez o I Campionato Internacional de Cata
- A colaboración entre a TIC e o instituto de Foz é froito dun convenio entre ambas entidades para promocionar as ensinanzas de hostalería do IES mariñano e completar con prácticas a formación dos alumnos na Escola de Imaxe e Son

A Fundación TIC, dependente da Deputación, difundirá por “streaming”, isto é, en tempo real, todo o que aconteza durante o desenvolvemento das probas, que será gravado polos alumnos de 2º curso do Ciclo Superior de Realización da Escola de Imaxe e Son (EIS).

Coa axuda do profesorado da Escola, estes retransmitirán as diferentes probas a través da páxina web da Fundación TIC, www.fundaciontic.org, para que todos os interesados poidan ver en directo os campionatos dende calquera dispositivo móbil.

Ademais, os que se acheguen ata o instituto focense poderán seguir as probas e demostracións dos participantes sen perder detalle, grazas ás dúas pantallas de plasma dispostas nas instalacións que emitiran as imaxes recollidas polos alumnos da TIC. Coma noutras edicións, o material audiovisual que se obteña empregarase para a edición dun DVD, que se entregará posteriormente ó IES de Foz.

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez felicitou ó instituto focense polo éxito desta iniciativa, que dende hai anos e durante uns días converte a Foz en capital nacional desta disciplina, “fomentando a formación e impulsando emprego no sector hostaleiro”, ó tempo que constitúe unha nova oportunidade de que os alumnos da EIS poidan facer prácticas reais como complemento á súa formación teórica.

O coordinador do evento, José Ríos, destacou esta nova colaboración posto que “grazas á Fundación TIC é posible ver todos os detalles das probas e seguilas en directo desde calquera parte do mundo”, ademais de ser o único certame nacional que dispón deste despregue de medios, “isto non se consigue en ningún campionato; é moi raro que haxa máis dunha cámara, así que para nós é un orgullo contar cos alumnos da EIS”, subliñou Ríos.

< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet