Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

13/11/2012

O premio á mellor Fotografía 2012 da Academia de Televisión imparte unha clase maxistral na Escola de Imaxe e Son

imaxe da clase impartida por jacobo martinezimaxe da clase impartida por jacobo martinez

- Dentro da aposta pola educación pública de calidade da Deputación, Jacobo Martínez súmase a unha longa lista de profesionais de prestixio que pasaron pola EIS como Imanol Uribe, José Luis Cuerda ou Luis Tosar
- A institución luguesa vincula con este taller a experiencia dos profesionais do sector coa formación dos alumnos do único centro na provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual e con matrícula gratis agás para repetidores
- Jacobo Martínez defendeu a conveniencia de que os futuros realizadores coñezan a realidade do mundo audiovisual “para ter os pés sobre a terra”

O director de fotografía e iluminación Jacobo Martínez, premio á mellor Fotografía 2012 da Academia de Televisión, recentemente bautizado como Premio Iris, polo seu traballo na serie de Antena 3 Gran Hotel, impartíu este luns unha clase maxistral ós alumnos de 1º e 2º de Realización da Escola de Imaxe e Son (EIS). Este taller, con clases prácticas e teóricas, enmárcase dentro da aposta da Fundación TIC, organismo depende da Deputación, pola educación pública de calidade. Para elo, a institución luguesa vincula a formación do alumnado do único centro na provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual e con matrícula gratuíta agás para repetidores con profesionais de prestixio no sector.

Durante catro horas, o coruñés Jacobo Martínez achegou ós alumnos da EIS a súa experiencia profesional en series de ficción de éxito como Hispania (Antena 3), Gran Reserva (TVE), Imperium (Antena 3) e Gran Hotel (Antena 3). Expuxo o día a día do seu traballo e remarcou que “é bo que os alumnos coñezan a realidade deste mundo para que non o idealicen. Cando eu estudei gustábame que me contasen como era todo o proceso para ter os pés sobre a terra. É necesario saber onde estamos e de canto tempo e medios dispoñemos”.

Tamén resolveu as dúbidas formuladas polos alumnos como os elementos que deben empregar para unha boa iluminación, como sacarlle o mellor proveito ás cámaras e distinto material do que dispoñen na Escola, ou como conseguir os efectos máis axeitados para as curtas que elaboran dentro do proxecto integrado do ciclo de Realización.

A fórmula do éxito: comezar desde abaixo.
No seu encontro cos alumnos, o director de fotografía defendeu a conveniencia de comezar desde abaixo e pasar polos distintos postos intermedios para chegar á dirección cunha formación sólida. “Por moito talento que teñas, para ser xefe de cociña, primeiro hai que ser pinche e cociñeiro. Esa é a fórmula. Así tamén coñeces distintos xeitos de dirixir e ver cómo traballan os profesionais con experiencia. É moi enriquecedor”, apuntou.

Jacobo Martínez comezou a súa traxectoria profesional, precisamente, realizando, entre outras, tarefas de control de cámara, eléctrico e xefe eléctrico. O seu inicio como director de fotografía e iluminación foi na serie Rías Baixas (TVG). Xa en Madrid traballou en ficcións con moita audiencia como Gran Reserva (TVE), polo que foi nominado pola Academia de Televisión á Mellor Fotografía, Hispania, Imperium e Gran Hotel (Antena 3). Na actualidade está a traballar na preprodución de Galerías Velvet.

Profesionais de prestixio na EIS.
Jacobo Martínez súmase a xa longa lista de profesionais de prestixio, referentes do mundo audiovisual a nivel nacional e internacional, cos que conta a Escola de Imaxe e Son para as súas actividades, como os directores Imanol Uribe, José Luis Cuerda, Ángel de la Cruz; José María Besteiro, o produtor de referencia internacional; Julio Fernández, produtor e presidente de Filmax; o director Jorge Coira, que acadou numerosos éxitos coa película 18 Comidas; o actor Luis Tosar, que acumula éxito por película; Pedro Revaldería, director xeral de Producciones Mandarina, artífice de programas como Qué tiempo tan feliz!, ou Las mañanas de Cuatro; Antonio Mourelos, actor –moi coñecido polos seus papeis nas series da TVG Rías Baixas e Matalobos– e Presidente da Academia Galega do Audiovisual; o compositor e produtor musical Arturo Vaquero; o ex membro de Siniestro Total, Segundo Grandío, técnico de son e produtor artístico; ou Carlos Sedes, director de series de ficción de éxito como Hispania (Antena 3), Gran Reserva (TVE) ou Padre (TVG), entre outras.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet