Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

10/11/2012

Gómez Besteiro entrega á Xunta de Confrarías da capital luguesa o DVD sobre a Semana Santa, realizado pola Fundación TIC

imaxe da entrega do dvdimaxe da entrega do dvd

- Este traballo enmárcase no convenio entre Fundación TIC e a Xunta de Confrarías para a promoción económica e turística da cidade romana
- Bolseiros da Escola de Imaxe e Son gravaron e editaron a cinta coas prácticas que lles ofrece o único centro na provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual
- A TIC mantén colaboracións con outros 120 colectivos lugueses sen ánimo de lucro co fin de poñer en valor a provincia e mellorar a formación dos alumnos da EIS

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, José Ramón Gómez Besteiro, entregou este mércores ó Coordinador Xeral da Xunta de Confrarías da cidade de Lugo, Ramón Basanta, o DVD que recolle todos os actos da Semana Santa na capital lucense. É o traballo gravado e editado por bolseiros da Escola de Imaxe e Son, así como por persoal técnico da Fundación TIC, que se enmárcase no convenio de colaboración subscrito entre Fundación TIC e Xunta de Confrarías cun dobre obxectivo: a promoción económico-turística de Lugo e a mellora da formación dos alumnos da EIS, o único centro na provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual.

Nas gravacións participaron varios equipos de xeito simultáneo co fin de recoller todos os detalles das procesións e dos restantes actos desta celebración, que congrega a miles de persoas na cidade romana. O vídeo arrinca co Vía Crucis do Venres de Dores, no que numerosos fieis percorren en silencio as rúas de Lugo. Recolle a procesión da Borriquiña, a da Virxe dos Dores e o Domingo de Ramos. As cámaras da TIC tamén gravaron a procesión da Virxe da Esperanza, a tradicional Salve Mariñeira do Luns Santo, as procesións do Bó Xesús do martes e do Cristo do Perdón do mércores.

Na cinta inclúense a procesión da Última Cea, do Xoves Santo, na que destacan as imaxes da colocación da Custodia no momento da saída do paso; o acto do Desencravo do Señor; a procesión do Santo Enterro, á que se incorporan os pasos das outras Confrarías; a das Caladiñas, así como a Salve popular que remata na praza da Soidade, na noite do Venres Santo. O Santo Encontro e a procesión do Noso Cristo Resucitado celebradas o Domingo de Resurrección poñen fin ó vídeo promocional da Semana Santa lucense.

O labor sociocultural da TIC
Na actualidade, a Fundación TIC ten asinados máis de 120 convenios de colaboración con ONGs, asociacións culturais e entidades deportivas para difundir o seu labor mediante a realización de proxectos audiovisuais. Esta liña de colaboración permite que os alumnos e titulados da Escola de Imaxe e Son leven a cabo traballos profesionais, a través dun programa de bolsas, que lles facilitan a súa posterior incorporación ó mercado laboral para o que tamén mantén contacto con máis de 70 empresas nacionais do sector multimedia.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet