Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas de Lugo

25/10/2012

A TIC contribúe á poñer en valor a elaboración tradicional do liño gravando demostracións do oficio e obradoiros en Vilalba

cartel da tasca de liñocartel da tasca de liño

- Estas actividades, xunto á proxección do documental “Liño”, compoñen a programación da IV Tasca de Liño, unha cita que organiza este sábado a Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu na parroquia vilalbesa de Insua.

- Profesionais da Fundación TIC e alumnos da Escola de Imaxe e Son recollerán nun DVD a festa, potenciando deste xeito a súa difusión e o labor do colectivo organizador.

- Esta asociación súmase ás 120 organizacións que teñen asinado convenio de colaboración coa Fundación para a difusión das súas actividades

A Fundación TIC, entidade dependente da Deputación, contribúe a poñer en valor a elaboración tradicional do liño coa gravación da IV Tasca Tradicional do Liño, unha cita de carácter cultural e etnográfico que organiza este sábado a Asociación de Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua, do Concello de Vilalba. O encontro, que se celebrará no campo da festa da parroquia chairega, será recollido nun DVD que elaborarán profesionais da TIC coa participación de bolseiros da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas da rama audiovisual.

Esta iniciativa forma parte do convenio entre a TIC e a asociación, que se suma ás 120 organizacións e entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia coas que está colaborar a Fundación. O obxectivo é dobre: por unha banda, difundir as actividades das mulleres rurais de Insua, centradas fundamentalmente na recuperación da elaboración tradicional do liño e, por outra, promover a formación práctica dos alumnos e ex alumnos da Escola para contribuír á súa inserción laboral.

Festa para recuperar un oficio esquecido
A Tasca organizada polas mulleres de Insua é unha viaxe ó pasado coa intención de recuperar un oficio esquecido en moitos lugares, dalo a coñecer e poñelo en valor. Para obter o fío de liño e deixalo preparado para tecer é necesario realizar unha trintena de pasos, que son os que amosarán unha ducia de mulleres na demostración que comezará ás 11:30 horas. Estará amenizada coas actuacións das pandereteiras de “Entre Lusco e Fusco” e do grupo de música tradicional “Muxarega” das Pontes.

Ás tres e media será a presentación e proxección do documental “Liño”, un acto no que participarán o profesor da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Xesús Rodríguez, o presidente da asociación de veciños de Cabreiros, Xosé Manuel Felpeto, o membro de Muxarega, Miguel Ferreiro, o xornalista Baruk Domínguez e a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de San Bartolomeu, Lourdes Otero.

Ás cinco e media, todos os interesados poderán participar no obradoiro de aprendizaxe da tasca e fiado do liño e da lá, e a festa rematará ás oito con queimada. Ademais, durante todo o día haberá demostracións doutros oficios tradicionais, unha exposición de traxes rexionais de diario e unha mostra de fotografías antigas sobre o liño pertencentes ó Instituto de Estudos Chairegos.

Cinco anos de vida
A Asociacion de Mulleres Rurais San Bartolomeu de Insua naceu no ano 2007 e na actualidade conta con preto de 70 asociadas. As súas actividades xiran arredor do proceso tradicional do liño, xa que ademais da tasca, encárganse de sementar a planta no mes de abril e de apañala en xullo.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet