Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

24/11/2016

Centos de lucenses percorren o camiño de pegadas negras contra a violencia machista organizado pola TIC da Deputación

  • archivos/fotos/grandes/3270_campaña contra a violencia-deputacion.jpg

  • archivos/fotos/grandes/3270_campaña contra a violencia-diputacion 2.jpg








-Asociacións, institucións e cidadáns sumáronse a esta marcha, unha idea do alumnado de 1º de Produción da EIS, que saíu da Praza de San Marcos e rematou na Escola da TIC

-Darío Campos dixo que “debemos avanzar todos xuntos para erradicar definitivamente este grave problema e conseguir que ningunha muller máis sexa vítima da violencia de xénero”

-Espectáculos de danza, música e teatro e a proxección de escenas de películas nas que se amosa a violencia contra as mulleres formaron parte deste Camiño

-O acto rematou coa proxección de dous vídeos elaborados pola TIC, un protagonizado polos alumnos e traballadores da entidade, e outro coa letra da canción “Que nadie”

Centos de lucenses sumáronse este mércores a En Camiño contra a Violencia machista, unha iniciativa da Fundación TIC da Deputación incluída en “Lugo en Negro”. Os participantes, vestidos cunha camiseta negra co logotipo da campaña, seguiron as pegadas negras entre a Praza de San Marcos e a sede da Escola de Imaxe e Son da TIC, e tinguiron de loito as rúas da cidade de Lugo en sinal de dó polas vítimas da violencia de xénero.

O Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos, valorou “o éxito da resposta dos lucenses a esta iniciativa na que camiñamos todos xuntos, e coa que simbolizamos a nosa unión como sociedade para erradicar definitivamente este grave problema. Temos que conseguir que ningunha muller máis sexa vítima da violencia de xénero”. Destacou ademais que este “é un proxecto dos nosos alumnos, xa que foron eles os que tiveron a idea e os que organizaron todas as actividades que forman parte do Camiño”.



Os lucenses contra a violencia

A esta marcha contra a violencia de xénero sumáronse cidadáns, alumnos e traballadores da TIC, institucións e unha vintena de asociacións e organizacións da provincia: Federación de Asociacións de Veciños, Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia, Asociación de Autónomas de Lugo, Asociación de Viudas, Asociación de Amas de Casa, Fademur, Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería, SOMOS Unidos por el Cáncer, Afalu, Asociación Bonhomía, Fundación Secretariado Gitano, Aspnais, Asociación Síndrome de Down, Manos Unidas, Aulas da Terceira Idade, Aliad, Achádego Teatro, Club Baloncesto Breogán e Club Deportivo Lugo.

Proxecto do alumnado

En Camiño contra a Violencia recolle as propostas dos alumnos e alumnas de primeiro de produción da EIS. Os estudantes da TIC foron os encargados da súa organización. O Camiño arrancou na Praza de San Marcos cunha posta en escena con fotografía, danza e música, na que colaborou a USC con bailaríns e o coreógrafo Juan Carlos Zahera.

A continuación, os participantes seguiron as pegadas ata a Praza Maior. Alí proxectáronse escenas de películas que amosan a violencia contra as mulleres. A marcha atravesou a Praza de Santa María e fixo unha nova parada na Porta de Santiago da Muralla romana. No monumento Patrimonio da Humanidade actuou un mimo.

A TIC de loito

O Camiño rematou na EIS, que recibiu aos participantes vestida de loito. Na sede da EIS proxectáronse dous vídeos. Un deles protagonizado polos alumnos e traballadores da TIC, con frases como “Tolerancia cero”, “A resignación non é máis que un hábito”, “Se che pega non te quere” ou “ Non son o teu dono”. Tamén se presentou o vídeo gravado e editado pola TIC que ten como base a letra da canción Que nadie de Manuel Carrasco. Neste caso, os protagonistas son representantes dunha trintena de asociacións e diversos colectivos.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet