Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

08/11/2016

Máis de 400 maiores participaron ata o momento nas actividades organizadas polo InLugo no 4º trimestre do ano


-O patrón da TIC Álvaro Santos mantivo un encontro cos participantes dun dos 29 cursos gratuítos que se imparten neste último trimestre na sede en Lugo

-Alimentatic está a ter moi boa acollida en toda a provincia con máis de 200 participantes nas actividades organizadas no mes de outubro

-A TIC desprazarase ata finais de ano pola provincia para impartir 15 obradoiros sobre o uso do móbil para gravar recordos que formarán parte de Memoria Dixital Lugo

Máis de 400 maiores de toda a provincia participaron ata o momento nas actividades organizadas no 4º trimestre do ano polo InLugo, entidade que xestiona a Fundación TIC da Deputación. O patrón TIC e Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, visitou este luns un dos cursos gratuítos que se imparten na súa sede, en concreto, o titulado: Escribe no ordenador empregando un editor de texto.

Santos compartiu cos 15 participantes neste taller o seus primeiros pasos para familiarizarse co uso do teclado do ordenador e os aspectos máis básicos do procesador de textos WordPad. Con este xa son 19 os cursos impartidos na sede do InLugo, dos 29 programados para os tres últimos meses do ano, nos que houbo máis de 200 participantes. As prazas para os outros 10 xa están cubertas desde o mesmo día que se abriu o prazo de inscrición. De feito, para as 354 prazas previstas houbo 575 inscricións en tan só seis horas.

Alimentatic: as tic coa alimentación saudable

Polo que se refire a Alimentatic, o programa de obradoiros para mellorar, a través das novas tecnoloxías, os hábitos de alimentación dos maiores, no mes de outubro participaron arredor de 200 persoas nos cursos que houbo en Láncara, O Corgo, Guitiriz, A Pontenova e Trabada e na conferencia do especialista en nutrición, Manuel Antonio Botana.

Este luns, Alimentatic chega a Burela, un obradoiro que contou coa presenza da Deputada de Economía, Mayra García, e o Alcalde da localidade mariñá, Alfredo Llano. Neste mes de novembro o programa de alimentación saudable tamén chegará a Paradela, Pol e Ourol.

Recordos a través do móvil

Por outra banda, no último trimestre de 2016 a TIC desprazarase por toda a provincia para impartir 15 obradoiros sobre o uso do móbil coa finalidade de gravar recordos dos lucenses participantes que formarán parte do arquivo Memoria Dixital Lugo. Este é un programa pioneiro na nosa provincia, especialmente dirixido aos maiores, pero aberto a todos os lucenses interesados en contar os seus testemuños. Memoria Dixital Lugo (www.memoriadixitallugo.es) inclúe vídeos, audios, fotografías antigas e diversos documentos que axudarán a coñecer mellor a historia recente da nosa provincia, especialmente a da primeira metade do século XX.

Todas estas actuacións desenvólvense no marco do programa de “Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia”, que xestiona a Fundación TIC a través dunha encomenda da Deputación.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet