Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

02/05/2016

A TIC colabora na curtametraxe “A Chave de Bascuas” do exalumno da EIS Bruno Pena que se rodará o 11 e 12 de xuño

  • archivos/fotos/grandes/2892_Darío Campos en Guitiriz.jpg

  • archivos/fotos/grandes/2892_Dario Campos en Guitiriz-convenio TIC.jpg








-A Fundación achegará apoio técnico e a participación de alumnos en prácticas e bolseiros a este proxecto no que, ademais de Bruno Pena, traballan outros tres titulados da Escola

- Darío Campos dixo que “para nós é un orgullo que unha iniciativa tan interesante coma esta parta de mozos e mozas que se formaron na nosa Escola”

-A TIC e o Concello de Guitiriz asinan un convenio de colaboración para a curta, que contará con actores habituais en series galegas e nacionais como Xosé Barato e Fernando Morán

A Fundación TIC colaborará, xunto ao Concello de Guitiriz, coa curtametraxe “A Chave de Bascuas”, unha idea orixinal dun titulado da Escola de Imaxe e Son de Lugo, o guitiricense Bruno Pena, na que tamén traballan outros tres exalumnos da EIS. O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos, dixo que “desde a TIC achegaremos apoio técnico e a participación de alumnos en prácticas e bolseiros a este proxecto, que se rodará os días 11 e 12 de xuño en Bascuas. Para nós é un orgullo que iniciativas tan interesantes coma esta partan de mozos e mozas que se formaron na nosa Escola. É unha mostra de que imos polo bo camiño”.

O máximo responsable provincial fixo este nuncio este venres en Guitiriz na sinatura do convenio de colaboración na Igrexa de Bascuas, no que tamén participaron a Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, e Bruno Pena. Campos destacou que “este proxecto ten, entre os seus obxectivos, recuperar a nosa memoria como pobo a través de lendas practicamente perdidas, que chegaron a nós a través da tradición oral. Pero ademais pretende amosarnos como era a Galicia rural de principios do século XX”.


Galicia nos anos 20

A chave de Bascuas forma parte dun proxecto fin de grao, no que están involucrados varias empresas e un equipo de máis de 70 persoas. Un dos obxectivos da curta é dar a coñecer unha lenda case esquecida da bisbarra de Guitiriz, da que apenas hai información e que chegou ata nós grazas ao boca a boca dos maiores de comarca.

Está previsto que teña unha duración de entre doce e quince minutos onde, ademais da lenda desta pequena vila, se mostre como era Bascuas nos anos 20 do pasado século, e en Galicia en xeral, así como as festas, vestimentas e costumes da época. A curta difundirase por diversas institucións, escolas e concursos.

Equipos técnico e artístico

O equipo técnico está formado por numerosos profesionais entre os que están catro antigos alumnos da EIS: Ashley Vázquez, encargada do guión coa supervisión de Mercedes Rodrigo; Jesús Silvosa, director de fotografía; Cris López, no apartado de community manager, linguaxe e produción; e o propio Bruno Pena, do que partiu a idea orixinal.

Polo que se refire ao equipo artístico, está formado por actores recoñecidos no mundo audiovisual e cunha ampla bagaxe: o guitiricense Xosé Barato, que participou en numerosos proxectos coma Terras de Miranda, A vida por diante, Padre Casares, Matalobos, Serramoura ou El secreto de Puente Viejo; Fernando Morán, que traballou en series de televisión como Hotel Almirante, Doctor Mateo, Libro de Familia, Matalobos, Libo de Familia, Padre Casares, A vida por diante e as Leis de Celavella; e Carmen Conde, actriz e autora de relatos breves para adultos e contos infantís.

A lenda de Bascuas

Segundo a lenda que recollerá a curta, cando unha persoa ou animal se vían afectados pola enfermidade da rabia podían curarse por medio dunha chave que se atopaba na capela de Bascuas, na parroquia guitiricense de San Salvador. Existían dúas chaves que se queimaban ata volverse incandescentes, para despois marcar na fronte á persoa afectada e, deste xeito, poder curala.Ademais, preto desta capela pode acharse outra pequena lenda, neste caso sobre unha fonte da Veiga, na que as persoas tiraban miolos de pan na auga. Se as migas flotaban, o desexo cumpríase e, se pola contra, afundían, a petición non sería a desexada.

Sinopse da curta

Marcelo é o avó de Antía, Xurxo e Roi. Despois de que Antía lle preguntase por unha marca na fronte, o avó decide contaralles a historia sobre a chave de Bascuas, unha lenda que se escoita desde antano na súa aldea natal. Relátalles que cando era pequeno coñeceu a Xoana, unha moza moi fermosa que lle contou que existía unha chave na igrexa que curaba á xente e cumpría os desexos. Marcelo, con tan só 9 anos, fará todo o posible por conseguir esa chave para poder agasallar a súa amiga.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet