Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

15/04/2016

Éxito da transmisión en directo do V Lucus Intercentros realizada pola Fundación TIC


- O streaming do concurso organizado polo IES Muralla Romana foi seguido dende os sete institutos lucenses participantes a través das web da TIC e do IES Muralla Romana

- Ambas entidades manteñen un convenio de colaboración para promover as ensinanzas que imparte o instituto lucense e completar a formación dos estudantes da Escola de Imaxe e Son


Mais de medio centenar de persoas seguiron en directo á transmisión do V Concurso Lucus Intercentros realizada, este venres, por bolseiros e técnicos da Fundación TIC, dende o IES Muralla Romana. O IES Virxe dos Ollos Grandes gañou o certame no que participaron alumnos de primeiro curso de Bacharelato dos sete institutos públicos da capital.


Os seguintes clasificados foron o IES Xoán Montes, no segundo posto; IES Lucus Augusti, no terceiro e IES Leiras Pulpeiro, no cuarto. Anxes Fole, Muralla Romana e San Xillao recibiron cadanseu accésit.


Na entrega de premios participou o Deputado de Innovación e TICs, Pablo Rivera. Coma agasallo, os tres primeiros equipos recibiron unha tableta para cada un dos membros; o cuarto uns altofalantes, e os accésit unha batería portátil.


O equipo de bolseiros e técnicos da TIC utilizou catro cámaras para o streaming, difundido nas web da TIC e do IES Muralla Romana.


Formato dixital

O concurso de formato dixital desenvolveuse, ao longo da mañá, en fases eliminatorias. Os sete equipos, formados por tres alumnos, recibiron e deron resposta ás preguntas de cultura xeral tipo test, a través de ordenadores.


Con esta iniciativa, os alumnos do ciclo de Administración e Xestión do IES Muralla Romana, coa achega do departamento de Informática, poñen en práctica o currículo de Asistencia á Dirección na organización de eventos e actos públicos


A Fundación TIC colabora co IES Muralla Romana na difusión do Lucus Intercentros, dende a súa primeira edición, no ano 2012. A achega é froito do convenio que ambas entidades manteñen para completar a formación práctica dos alumnos da EIS, e promover as ensinanzas que imparte o instituto lucense.


Posteriormente, os estudantes da EIS editarán un DVD coas imaxes gravadas durante o streaming, que se entregará aos centros educativos da capital co fin de divulgar o certame educativo.


No V Lucus Intercentros, ademais da TIC, colaboraron a Escola de Arte e Superior de Deseño” Ramón Falcón”, e o CIFP Politécnico de Lugo.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet