Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

18/02/2016

Campos destaca a emisión dos campionatos de baristas de Foz como práctica nun escenario real do alumnado da EIS

- O Presidente da TIC participou na entrega de premios do IX Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería no que participaron 16 centros de España e Portugal

- Alumnos da EIS son os encargados da emisión a través de www.fundaciontic.org das competicións que rematan este xoves co IV Campionato Internacional de Baristas Profesionais

- A colaboración entre a TIC e o instituto de Foz ten por obxectivo promover as ensinanzas de hostalería do IES mariñán e completar con prácticas a formación dos estudantes da EIS

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos, participou este mércores na entrega de premios do IX Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, unha das tres competicións que se celebran do 16 ao 18 de febreiro no IES de Foz. As probas estanse a emitir por streaming na web da TIC, www.fundaciontic.org. Campos destacou “o esforzo que están a realizar os alumnos e alumnas da nosa Escola de Imaxe e Son para que este encontro poida seguirse en directo desde calquera parte do mundo”.

O máximo responsable provincial afirmou que “este é un bo exemplo do modelo formativo da EIS, que ten entre os seus sinais de identidade as prácticas en escenarios reais. Neste caso, os estudantes de 2º de Realización deben enfrontarse a todos os retos e dificultades que implica una emisión en directo. Aquí teñen a oportunidade practicar como realizadores, operadores de cámara, técnicos de son ou de manexar o material para o streaming, unha modalidade que cada vez ten máis demanda no mercado audiovisual”.

Referente a nivel nacional

Darío Campos tamén felicitou ao instituto focense “polo éxito desta iniciativa, que dende hai anos converte a Foz en capital nacional desta disciplina, fomentando a formación de calidade, impulsando o emprego no sector hostaleiro e promovendo a Mariña e a provincia de Lugo en xeral”. Este ano Participaron 16 Escolas de Hostalería de Galicia, León, Cantabria e Asturias e dous centros de Portugal. A provincia de Lugo tivo dous representantes: o centro anfitrión e o IES Sanxillao de Lugo.

A emisión en directo das tres competicións é froito do convenio de colaboración entre a Fundación e o instituto focense, que ten por obxectivo promover as ensinanzas de hostalería do IES mariñán e completar con prácticas a formación do alumnado da EIS. “Deste xeito, danse cita en Foz a formación de calidade na hostalería e no audiovisual”, apuntou Campos.

O xoves, os mellores profesionais

Logo da emisión o martes do IV Campionato Internacional de Cata de cafés de Escolas de Hostalería e este mércores do IX Campionato Internacional de Baristas de Escolas de Hostalería, mañá xoves, 18 de febreiro, poderase ver en www.fundaciontic.org o IV Campionato Internacional de Baristas Profesionais. Reunirá a 14 dos baristas máis destacados de España, entre eles, o campión nacional de baristas de SCAE, Luis Blanco, e o campión nacional de latte-art de SCAE, Héctor Hernández.

Ademais terá lugar unha nova demostración barista a cargo de Kanalla Coffee, que reúne unha representación de baristas galegos, entre os que está a exalumna do IES de Foz, Sofía Prieto. Co material obtido da gravación das tres competicións, os alumnos da Escola de Imaxe e Son editarán un DVD que se entregará posteriormente ao IES de Foz.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet