Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

07/01/2016

Os alumnos da EIS presentarán os seus proxectos a directores e guionistas profesionais nunha Xornada de pitching


-Cada alumno de 2º de Produción e Realización deberá expoñer a súa idea dun xeito atractivo e conciso nun encontro de tan só dez minutos cun dos directores ou guionistas convidados

-O pitching converteuse nunha ferramenta fundamental para dotar de atractivo ás presentacións e lograr que un proxecto pase de idea a realidade
-Esta actividade forma parte do convenio da TIC con CREA e AGAG, e ten como obxectivo complementar a formación de calidade da EIS coa experiencia de profesionais en activo

A Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC (EIS) organiza a finais de xaneiro unha Xornada de pitching na que os alumnos de 2º dos ciclos Superiores de Realización e Produción terán a oportunidade de presentar a unha decena de directores e guionistas profesionais o proxecto audiovisual que desenvolven durante o curso dentro do Módulo de Proxectos.

Durante esta xornada, cada alumno manterá un encontro de cinco ou dez minutos cun dos directores ou guionistas convidados no que deberá expoñerlle dun xeito atractivo e conciso a idea do seu proxecto. Esta é unha práctica fundamental nun mundo cada vez máis competitivo e con menos tempo para presentar un plan audiovisual. A actividade complementarase cunha mesa redonda na que participarán os creadores, xunto cos alumnos e docentes da EIS, para debater sobre a importancia de saber comunicar unha idea.

Esta iniciativa forma parte do convenio que a Fundación TIC ten asinado coa Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA), a Asociación Galega de Guionistas (AGAG). O seu principal obxectivo é complementar a formación de calidade que imparte a EIS coa experiencia de profesionais en activo e adaptada aos novos formatos e demandas reais dun mundo audiovisual en continuo cambio.


Pitching: a arte de comunicar

Nun mercado cada vez máis globalizado, o pitching converteuse nunha ferramenta fundamental para dotar de atractivo as presentacións e lograr que un proxecto pase de idea a formato e de aí a unha produción audiovisual ou artística. O ritmo vertixinoso da sociedade fai que non chegue con ter boas ideas. Tamén é necesario saber comunicalas correctamente de maneira directa, con entusiasmo e intelixencia e en base a unha estratexia que permita equilibrar a paixón que se pon no proxecto coa lóxica do mercado ao que se pretende acceder.


Nova colaboración con CREA e AGAG

A Xornada de pitching súmase a outras colaboracións con CREA e AGAG que acadaron grande éxito de participación como a Semana do Guión, que se desenvolveu na Escola no mes de novembro. Neste caso, especialistas na materia impartiron clases maxistrais sobre guión de series web, programas de televisión, branded e de ficción de televisión.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet