Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

19/11/2014

Gómez Besteiro, López Orozco e Marta Rivera visitan a rodaxe da miniserie Hotel Almirante, na que colabora a TIC

  • archivos/fotos/grandes/2143_D77K4369.JPG

  • archivos/fotos/grandes/2143_D77K4365.JPG







- O Círculo das Artes, as rúas do centro da cidade e varias instalacións da Escola de Imaxe e Son, escenarios do telefilm baseado na novela homónima da escritora lucense
- O Presidente da TIC destacou que “proxectos coma este, que apoiamos a través da nosa Film Commission, son a mellor campaña de promoción da provincia”
- Catro bolseiros da Escola de Imaxe e Son forman parte do equipo de 150 persoas, que rodarán ata o 26 deste mes en Lugo

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro; o Alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, e a escritora Marta Rivera de la Cruz, visitaron este luns a rodaxe en Lugo da miniserie Hotel Almirante, baseada na novela homónima da autora lucense. O telefilm, cun orzamento de 750.000 euros, conta coa colaboración da Fundación TIC, grazas a un convenio asinado con Formato Producciones. A gravación, que comezou o 27 de outubro na Coruña, continúa ata o 26 deste mes na cidade amurallada, onde traballa un equipo de 150 persoas, 40 delas profesionais e o resto figurantes.

Gómez Besteiro destacou “a importancia de que Lugo acolla proxectos deste nivel, xa que son a mellor campaña de promoción do moito e bo que temos. Por iso a TIC seguirá traballando, a través da súa Film Commission, para que a nosa provincia sexa un destino atractivo para producións cinematográficas e audiovisuais. Esta é unha das liñas que potenciaremos o ano que vén co obxectivo de contribuír a xerar riqueza e dar a coñecer Lugo”.
Lugo, protagonista
O Círculo das Artes, transformado no establecemento hoteleiro que dá nome á película, as rúas do casco histórico e varias dependencias da Escola de Imaxe e Son (EIS) son os escenarios da gravación. Durante a visita ao plató de rodaxe, o Presidente salientou que “Lugo e os lucenses son os principais protagonistas de Hotel Almirante. Ademais do peso que ten a propia cidade na historia, hai que destacar que a súa autora é Marta Rivera de la Cruz, unha lucense con éxito e prestixio no mundo das letras. E lucenses tamén son dous dos principais actores do reparto da película, Mariana Expósito e Antonio Mourelos”, apuntou Gómez Besteiro. A miniserie, de dous capítulos de 90 minutos de duración, está dirixida por Antonio Cuadri.

Formación práctica dos alumnos
Á promoción da provincia hai que engadirlle a formación práctica nun escenario real dos alumnos e titulados da EIS, grazas ao convenio con Formato Producciones. Catro bolseiros forman parte do equipo durante as cinco semanas de rodaxe e varios estudantes participaron no casting para seleccionar ao cento de figurantes lucenses que actúan no film. Ademais, todo o alumnado acudirá un dos días á gravación para recibir una master class en plena rodaxe.

Argumento de Hotel Almirante
Na cidade galega de Ribanova, aparece en 1948 o cadáver dunha moza nunha habitación dun hotel rexentado por Rosalía Leal. As primeiras evidencias da policía confirman que se trata dun suicidio, pero a publicación no xornal local dunha carta da suicida, implican sentimentalmente a Javier, pertencente a unha poderosa familia da cidade, os Aldao, pero enfrontado politicamente ao seu pai por ter militado no bando republicano. Estes sucesos e a chegada á cidade de Javier Aldao, desencadearán a trama.

Marta Rivera de la Cruz
A lucense Marta Rivera de la Cruz acadou destacados recoñecementos como escritora: finalista do Premio Planeta 2006 con “El tiempo de prodigios” e gañadora do Premio de Novela Ateneo Joven de Sevilla por “Que veinte años no es nada”, entre outros galardóns. Varias das súas novelas, como é o caso de “Hotel Almirante”, están ambientadas en Ribanova, unha cidade imaxinaria, inspirada en Lugo.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet