Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

07/04/2017

A TIC colabora co Concello da Fonsagrada na difusión da IV Ruta dos Lobos pola seimeira de Vilagocende


-Técnicos e bolseiros da TIC gravarán o itinerario de 59 quilómetros que percorrerán 400 afeccionados ao ciclismo de montaña de Galicia, León, Asturias e Bilbao

-Álvaro Santos dixo que “a TIC apoia a Ruta dende a primeira edición para contribuír á promoción turística da montaña de Lugo co deporte en contacto coa natureza”

- A achega da TIC é froito do compromiso que mantén cos Concellos da provincia para divulgar as actividades que organizan

A Fundación TIC colabora co Concello da Fonsagrada na difusión da IV Ruta dos Lobos, na que participarán, este sábado, 400 afeccionados á bicicleta de montaña de toda Galicia, León, Asturias e Bilbao. O patrón da TIC Álvaro Santos e o Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández, xunto ao Técnico de Deportes, Enrique Fernández e membros da Asociación Deportiva Montaña Oriental presentaron este xoves na Deputación de Lugo a proba que transcorrerá pola Seimeira de Vilagocende. A inscrición xa está pechada e superou en medio cento á do ano pasado.

Álvaro Santos subliñou que “dende a primeira edición, a TIC vén colaborando co Concello da Fonsagrada na celebración da Ruta dos Lobos, que contribúe á promoción turística da montaña de Lugo a través da práctica do deporte en contacto coa natureza”. “Neste caso, polas seimeiras de Vilagonce, a fervenza máis grande de Galicia, que con 50 metros de altura resulta espectacular e ofrece unha visión realmente fermosa da Fonsagrada”.

O patrón da TIC lembrou que “como en anos anteriores, un equipo de profesionais e bolseiros realizará un vídeo e reportaxes sobre a Ruta para a súa difusión nas redes sociais, blogs e foros especializados na práctica da BTT”. “Coa súa achega, a Fundación TIC cumpre cun dos seus obxectivos principais como é divulgar e promover as actividades que organizan os Concellos da provincia”, engadiu Santos.

O itinerario dos Lobos

A IV Ruta dos Lobos dará comezo este sábado, día 8, ás 11:00 horas, na Praza do Concello da Fonsagrada. O percorrido total é de 59 quilómetros, e levará aos participantes cara a seimeira de Vilagocende e despois polas marxes do río Lama ata unha ferrería abandonada, en Vilar da Cuiña. Haberá dous traxectos máis curtos, o primeiro de 28 quilómetros e o segundo de 44 quilómetros, a elixir polos participantes en función do seu nivel de esixencia. A chegada dos primeiros ciclistas está prevista para as 16:30 horas ao Campo da Feira, onde terá lugar o lavado das bicicletas.

O venres, día 7, haberá unha proba de cronometraxe ás 20:00 horas; e o sábado ás 16:30 horas unha xincana gratuíta con bicicletas para nenos, que coordinará o club ciclista Cidade de Lugo na praza do Concello. Para completar o programa desta IV edición, o domingo terá lugar unha ruta voluntaria, duns 22 quilómetros, ata as seimeiras de Queixoiro, no río Rodil.

Seguimento da proba

Para presenciar o desenvolvemento da proba, e ao tempo desfrutar da paisaxe, a organización sinala varias localizacións ao longo da Ruta. Trátase das baixadas de Fulgueirosa á seimeira, da Ponte de Souto, da Barreira á Ferrería, A Gamalleira e nas Pedras Apañadas. Todos eles lugares accesibles de interese natural e atractivo turístico. A información detallada pódese consultar na web www.rutadoslobos.com.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet