A TIC e o CB Breogán presentan este sábado ante a afección o vídeo do 50 aniversario do club celeste
A proxección terá lugar durante o descanso do encontro no Pazo dos Deportes e estará acompañada polo himno oficial que cantará en directo o compositor lucense David Prado
A Muralla ou a Catedral son algúns dos emblemas da capital onde se gravaron as escenas que contan entre outros, coa participación de históricos celestes como Lisardo Gómez, Manel Sánchez ou Paco Basanta.
Esta colaboración da TIC englóbase dentro do contrato de patrocinio que Deputación e Breogán asinaron para a promoción da provincia de Lugo a través do baloncesto
A Fundación TIC da Deputación e o Club Baloncesto Breogán presentarán este sábado ante a afección o vídeo que repasa a historia do club celeste realizado con motivo da celebración do seu 50 aniversario. A proxección do audiovisual, duns tres minutos de duración, terá lugar durante o descanso do encontro a través dunha pantalla xigante que se colocará no centro da pista. O paso das imaxes estarán acompañadas de fondo polo himno oficial do club, composto polo lucense e breoganista, David Prado. O cantautor porá voz, en directo, ao tema musical que leva por nome “Fogar de Breogán”.
No acto estarán tamén presentes figuras que foron claves na historia do club e que participan no vídeo. Entre eles destaca, por exemplo, o que foi adestrador durante anos Lisardo Gómez ou ex xogadores como Manel Sánchez, o celeste máis internacional e xogador español con maior media de anotación na historia do ACB, ou Paco Basanta, que pola súa profesión de xornalista seguiu moi de preto os pasos da historia do club.
Pero este percorrido polo medio século de vida do club celeste ata os nosos días, está tamén contado a través de fotografías antigas, recortes de xornais da súa época dourada na ACB, e ca presenza do actual cadro de xogadores, directiva e membros que forman parte nestes momentos do Cafés Candelas Breogán.
A marca Lugo a través do deporte
O vídeo do 50 aniversario do Breogán realizado pola TIC é unha das accións que se engloban dentro do contrato de patrocinio que a Deputación e o club celeste asinaron para a promoción da marca Lugo e provincia, a través do baloncesto. Ademais da súa proxección no Pazo, o audiovisual difundirase na emisión por streaming do encontro, que seguen unha media de 6 mil persoas. Tamén estará presente na web e redes sociais do club lucense.
Deste xeito, as imaxes actuais que contén o audiovisual foron gravadas en seis espazos emblemáticos da cidade. Os escenarios elixidos son: a Muralla de Lugo, a Catedral, o Parque de Rosalía, o Paseo do Miño, a Praza Maior e o Pazo Universitario dos Deportes.
O Club Baloncesto Breogán foi fundado no 1966 polos irmáns Portas e Pardo. Cinco anos despois, o equipo acendía a primeira onde xogou durante sete tempadas na Liga ACB. Na actualidade, os celestes compiten como un dos favoritos na Liga LEB Ouro.
A mellor clasificación na súa historia foi na tempada 1984-85, na que terminou cunha sexta posición. Na do 1985-86, os celestes xogaron os cuartos da Copa Korac, competición organizada pola Federación Internacional de baloncesto (FIBA). Outro dos logros foi a clasificación do conxunto lucense para a fase final da Copa do Rei, na tempada 1988-89, disputada nas Palmas.