Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

13/12/2016

A especialista en inmunonutrición do CSIC María Ascensión Marcos impartirá unha conferencia este mércores na Deputación


- A charla, que forma parte do programa Alimentatic da Fundación TIC, será ás 17.00 horas no Salón de Actos, e estará aberta a todo o público interesado

- A doutora Marcos é pioneira en España na investigación da relación entre os diferentes compostos bioactivos no sistema inmunolóxico e nos factores ligados a enfermidades como a obesidade ou as intolerancias

- Alimentatic, destinado a fomentar unha dieta saudable entre os maiores a través das tic, está a ter grande éxito de participación nos 15 obradoiros que leva a toda a provincia

A profesora de investigación do Instituto de Ciencia y Tecnología de Alimentos y Nutrición (ICTAN), centro de investigación do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), María Ascensión Marcos impartirá este mércores, 14 de decembro, unha conferencia sobre “A nutrición na prevención e tratamento de enfermidades”, dentro de Alimentatic, o programa da Fundación TIC da Deputación destinado a fomentar unha dieta saudable entre os maiores da provincia a través das tic. A charla terá lugar ás 17.00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos. Especialmente dirixida aos maiores, estará aberta a todo o público interesado.

Especialista en inmunonutrición, María Ascensión Marcos é pioneira en España no estudo da relación entre os diferentes compostos bioactivos e os alimentos funcionais no sistema inmunolóxico. Nestes últimos vinte anos participou en numerosos proxectos de investigación relacionados co tema. Os seus estudos destacan á hora de comprender cales son os biomarcadores e os factores máis ligados a enfermidades cada vez máis presentes nos países industrializados como os trastornos de alimentación, o sobrepeso, a obesidade ou as intolerancias.

O sistema inmunolóxico

O sistema inmunolóxico é o conxunto de células e sustancias químicas que nos defenden dos axentes patóxenos que intentan colonizar o noso organismo. Ascensión Marcos defende que este sistema se pode mellorar coa práctica moderada e regular de exercicio, cunha alimentación adecuada e cunha actitude positiva ante a vida. Reducir os ácidos graxos saturados, comer froitas, verduras, legumes, cereais e fermentos lácticos e beber preto de dous litros de auga ao día son algunhas das súas recomendacións.

Éxito de Alimentatic

A charla que impartirá a doutora María Ascensión Marcos forma parte de Alimentatic. Este programa da TIC tamén inclúe 15 obradoiros que se están a impartir con grande éxito neste último trimestre do ano en todas comarcas da provincia. Arrancou cunha conferencia do especialista en nutrición Manuel Antonio Botana sobre “Hábitos de alimentación saudable e a súa relación coas enfermidades no adulto maior”, á que asistiron máis dun cento de maiores.

Alimentatic ten por obxectivo fomentar unha dieta saudable entre os lucenses de máis de 55 anos a través das tic. A dispersión da poboación lucense dificulta o acceso a un gran volume de información sobre hábitos de alimentación e vida saudable, polo que existe un descoñecemento neste ámbito, especialmente entre os maiores. A finalidade do Alimentatic é aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías para chegar de maneira máis rápida e eficaz a un maior número de lucenses.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet