Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

16/11/2016

A TIC súmase ao 25º aniversario da Banda de Música de Vilalba coa gravación dun concerto este sábado no auditorio vilalbés

  • archivos/fotos/grandes/3223_IMG_8104.JPG

  • archivos/fotos/grandes/3223_IMG_8108.JPG







-Campos dixo que “apoiamos, coa edición dun DVD e a difusión do concerto, o traballo desta asociación, que recolle a tradición da música de bandas, moi arraigada en toda Galicia”

-A actuación, ás 20.00 horas, correrá a cargo da Banda de Música de Vilalba xunto á Coral Cántigas da Terra da Coruña

- A Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba naceu o 14 de abril de 1991, pero reservou o acto central de conmemoración para o 19 de novembro, día de Santa Icía, patroa dos músicos

A Fundación TIC da Deputación gravará este sábado, 19 de novembro, o concerto do XXV Aniversario da Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba, que se celebra ás 20.00 horas no Auditorio Carmen Estévez da capital da Terra Chá. Esta colaboración queda recollida no convenio asinado este martes polo Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos, e a presidenta da asociación, Alejandra Vázquez.

Darío Campos subliñou que “as bandas de música forman unha parte importante da nosa cultura, xa que contan cunha longa tradición, moi arraigada en toda Galicia. Por iso, é para nós unha satisfacción sumarnos a esta celebración, que conmemora as vodas de prata dunha asociación que traballa na promoción da música de bandas”.

O máximo responsable provincial dixo que “desde a TIC apoiamos o gran traballo que están a realizar na nosa provincia asociacións coma esta a prol da nosa cultura. Para contribuír, neste caso concreto, a unha maior difusión do importante labor que desenvolve esta agrupación vilalbesa, gravaremos integramente o concerto do seu 25º aniversario e editarémolo nun DVD”.

Concerto coa Coral Cántigas da Terra da Coruña

Aínda que a asociación naceu oficialmente o 14 de abril de 1991, o acto central celébrase o 19 de novembro, día de Santa Icía, patroa dos músicos. O concerto correrá a cargo da Banda de Música de Vilalba, que estará acompañada polo Coro Cántigas da Terra da Coruña, unha agrupación que este ano tamén está de aniversario, neste caso, o do seu centenario. Ademais actuarán dúas parellas de baile. O concerto, que durará arredor dunha hora, será presentado polo xornalista chairego Xulio Xiz. Tamén está prevista a asistencia de antigos membros da agrupación musical.

Unha longa tradición na Terra Chá

A Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba naceu en 1991 e recolle a tradición das bandas que había na capital da Terra Chá, que desapareceron durante a guerra civil. En 1987 o Concello vilalbés creou una escola de música, da que máis tarde xurdiría a banda de música. O seu primeiro concerto foi na Semana Santa de 1990. O 14 de abril de 1991 presentouse oficialmente como asociación cultural.
Nestes 25 anos de historia, a banda actuou por toda a xeografía galega, Asturias, Castela e León e Portugal. Conta con dúas gravacións editadas, unha en 1995 e outra en 2001, con motivo do seu décimo aniversario.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet