A TIC colabora con Achádego Teatro na súa nova obra “Balas sobre Broadway” que se estrea o 10 de decembro
-A Fundación está a gravar a recreación de varias escenas da película de Woody Allen no polígono das Gándaras, o cemiterio de Soutomerille e o Mesón Alberto
-Esta nova colaboración coa compañía tamén inclúe a dobraxe de escenas do filme orixinal e a gravación íntegra nun DVD da obra para a súa posterior promoción
-Este traballo súmase a outros como a elaboración de audiovisuais para a proxección nas representacións de “O barco sen mariñeiro” ou” Toda a terra é dos homes”
A Fundación TIC da Deputación colabora con Achádego Teatro na nova obra da compañía: “Balas sobre Broadway”, que se estreará o 10 de decembro. Nesta ocasión, a TIC está a gravar a recreación de varias escenas da película de Woody Allen. O mércores rodouse no polígono das Gándaras e o Mesón Alberto, e este xoves gravarase no cemiterio de Soutomerille en Castroverde. A colaboración tamén inclúe a dobraxe de escenas da película orixinal e a montaxe do vídeo que se proxectará durante a representación. Ademais, a TIC gravará nun DVD a estrea da obra o 10 de decembro para a súa posterior promoción.
A TIC coa cultura
Esta é unha nova colaboración con esta compañía de teatro afeccionado de Lugo, unha das máis de 160 asociacións e entidades coas que a TIC ten asinado convenio co obxectivo de contribuír á difusión das actividades que desenvolven e proporcionar prácticas en escenarios reais a bolseiros e alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS). Ademais, unha das liñas de actuación da Fundación é o apoio ao tecido asociativo sen ánimo de lucro nos ámbitos cultural e deportivo, entre outros.
Dentro do convenio da TIC con Achádego Teatro, xa houbo outras colaboracións coma os audiovisuais que se proxectan durante a representación das obras “O barco sen mariñeiro”, que a compañía teatral lucense está a levar a varios puntos da xeografía galega desde a súa estrea de 2013, e “Toda a terra é dos homes”.