Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

17/10/2016

Alimentatic arranca este luns cunha conferencia do nutricionista Antonio Botana sobre alimentación saudable nos maiores


-Este programa da TIC da Deputación tamén inclúe 15 talleres distribuídos nas comarcas da provincia, unha guía de alimentación saudable en formato dixital e outra conferencia maxistral

-A charla “Hábitos de alimentación saudable e a súa relación coas enfermidades no adulto maior” impartirase ás 16:30 horas no Salón de Actos do InLugo e estará aberta a todos os interesados



O programa Alimentatic da Fundación TIC da Deputación comezará este luns 17 de outubro cunha conferencia maxistral do endocrino e especialista en nutrición Manuel Antonio Botana, baixo o título: “Hábitos de alimentación saudable e a súa relación coas enfermidades no adulto maior”.

Esta charla forma parte das actividades organizadas no último trimestre do ano polo InLugo con motivo da celebración, o 16 de outubro, do Día Mundial da Alimentación. A intervención do doutor Botana será ás 16:30 horas no Salón de Actos da sede do InLugo, na rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n, e estará aberta a todo o público interesado.

Alimentatic, que ten por obxectivo fomentar unha dieta saudable entre os maiores da provincia a través das tic, tamén inclúe 15 talleres, distribuídos en todas as comarcas da provincia, e unha guía de alimentación en formato dixital co deseño dun menú semanal saudable ou consellos para comer ben a prezos económicos, entre outros aspectos. Ademais, haberá postos con alimentos saudables para os asistentes aos obradoiros.

Novas tecnoloxías e alimentación saudable

A dispersión da poboación lucense dificulta o acceso a un gran volume de información sobre hábitos de alimentación e vida saudable, polo que existe un descoñecemento neste ámbito, especialmente entre os maiores. O obxectivo de Alimentatic é aproveitar as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías para chegar de maneira máis rápida e eficaz a un maior número de lucenses de máis de 55 anos.

Alimentatic forma parte da programación do InLugo para o último trimestre de 2016, que tamén inclúe 29 obradoiros gratuítos sobre o uso de novas tecnoloxías. Estas actividades formativas teñen unha alta demanda. De feito, as 393 prazas previstas quedaron cubertas ás seis horas de abrirse o prazo de inscrición.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet