A Fundación TIC gravará a fase final do XI Polvorín Cup para impulsar o fútbol base
- O Deputado de Innovación e TICs, Pablo Rivera, e o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, presentaron o evento deportivo que terá lugar a vindeira fin de semana
- Rivera destacou que “o equipo da TIC gravará 10 partidos da última fase do torneo na que participarán 16 equipos de todo o país”
O Deputado de Innovación e TICs, Pablo Rivera e o Concelleiro de Deportes, Miguel Fernández presentaron este luns, no Concello de Lugo, a fase final do XI Polvorín Cup, que terá lugar os días 25 e 26 de xuño. Pablo Rivera anunciou que “un equipo da Fundación TIC gravará 10 partidos da última fase do torneo, que inclúen cuartos de final, semifinais e final. En total, nesta última fase participarán 16 equipos de fútbol de todo o país”. “O canal de YouTube da TIC recollerá os encontros íntegros, xunto ás reportaxes que se realicen para difundir na redes sociais e outros medios de comunicación”, engadiu Rivera.
Na competición, que se iniciou a pasada fin de semana no campo municipal que dá nome ao torneo, participan un total de 600 rapaces de 40 equipos galegos e do resto de España. Entre os convidados, o Real Club Celta, o R.C Deportivo, o Villareal e o Sevilla.
A TIC co deporte base
Na presentación, á que tamén asistiron os patrocinadores do XI Polvorín Cup, o Deputado subliñou que “a achega da TIC tenta dar un novo impulso ao deporte base na provincia, co que mantén unha estreita colaboración a través dos convenios asinados coas entidades deportivas lucenses que o promoven”.
Neste senso, Pablo Rivera lembrou outros traballos realizados recentemente pola TIC, “como a emisión en streaming do Campionato Galego de Atletismo para Clubs e o Campionato de España de 1ª División de Atletas Feminina, celebrados o pasado mes de abril. A eisto súmanse o seguimento e reportaxes realizadas a promesas do deporte lucense”.