Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

12/05/2016

A TIC estrea en Meira o primeiro documental sobre Avelino Díaz na presentación oficial da súa candidatura ás Letras Galegas 2017


-Darío Campos dixo que “a Deputación, a través da TIC, sumouse desde o inicio á reivindicación dos veciños de Meira e Riotorto contribuíndo á difusión da obra e figura do poeta

-O documental de 20 minutos inclúe fragmentos de voz do propio autor e intervencións de Neira Vilas, Alonso Montero e o fillo menor do homenaxeado

-O máximo responsable da TIC entregou cen copias do documental á Asociación Cultural Avelino Díaz para que o conserva no seu arquivo e lle dea a máxima difusión

O Presidente da Deputación e da Fundación TIC, Darío Campos, presentou este mércores na Casa da Cultura de Meira un documental elaborado pola TIC sobre o escritor Avelino Díaz. A estrea tivo lugar durante o acto de presentación oficial da candidatura do poeta ao Día Das Letras Galegas 2017.

Campos dixo que “a Deputación, a través da TIC, apoiou desde o primeiro momento a decisión dos veciños de Meira e Riotorto de unirse para reivindicar as Letras Galegas para o seu escritor máis ilustre coincidindo co 120 aniversario do seu nacemento, e facémolo como mellor sabemos, contribuíndo á difusión da figura e obra do escritor a través da elaboración e divulgación de diversos traballos audiovisuais, como o documental que estramos hoxe”.

Segundo o máximo responsable provincial “sumámonos a esta reivindicación por varios motivos: a calidade da súa obra; polo que representa a súa traxectoria vital, a dun galego humilde, como tantos outros, que tivo que emigrar a América pero que sempre mantivo viva a memoria das súas orixes; e por tratarse dun lucense que destacou na defensa do noso idioma a través da súa literatura”.

Primeiro documental sobre Avelino Díaz

Xunto ao Presidente provincial participaron no acto os Alcaldes de Meira, Antonio de Dios, e de Riotorto, Clemente Iglesias, a Delegada da Xunta de Galicia, Raquel Arias, o presidente da Asociación Cultural Avelino Díaz, Francisco Veiga, e o pintor e escultor Anxo Lamas Muinelo.

Darío Campos dixo que “este documental, cunha duración aproximada de 20 minutos, é o primeiro destas características sobre o Poeta de Meira. As súa elaboración foi un proceso longo e complexo polo escaso material gráfico que existe, e que non tería sido posible sen a inestimable colaboración da Asociación Cultural Avelino Díaz”. Durante o acto, fixo entrega de cen copias do documental para que a asociación lle dea a máxima difusión.

Testemuño de Neira Vilas

O documental recolle fragmentos de voz do propio escritor, dunha gravación en 1968 na homenaxe que lle rendeu a Casa de Tui de Bos Aires. Ademais, inclúe o testemuño do seu amigo Xosé Neira Vilas, cunha obra tamén marcada pola emigración e a súa infancia no rural galego. “O autor de Memorias dun Neno Labrego, concedeu á TIC unha das súas últimas entrevistas, uns meses antes do seu pasamento o 27 de novembro de 2015, para incluír as súas lembranzas da diáspora no vídeo que hoxe presentamos”, manifestou Campos.

Canda Neira Vilas, o documento audiovisual recolle testemuños do Presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; do Presidente da Asociación Cultural Avelino Díaz, Paco Veiga; e do fillo menor do homenaxeado, Alberto Díaz.

O Poeta de Meira nacido en Riotorto

O Poeta de Meira, naceu en Riotorto, no lugar da Travesa, na parroquia de Santa Comba da Órrea, onde viviu ata os dez anos de idade. Aos 12 viuse na obriga de emigrar coa súa familia a Bos Aires, alí permaneceu seis anos ata regresar a Meira, onde exerceu coma mestre durante un ano para marchar de novo, e non regresar.

Na capital arxentina, Avelino Díaz desenvolveu unha intensa actividade xornalística e literaria. Como legado, deixou publicadas tres obras: “Debezos” e “Pallergas”, en galego xunto a “Flor de Retama”, en castelán.

Outras achegas da TIC

A TIC tamén gravou homenaxe ao poeta que a asociación meirense celebrou o 12 de febreiro de 2015. O evento consistiu nunha recepción oficial dos Alcaldes de Meira e Riotorto aos familiares de Avelino Díaz chegados de Bos Aires, e nunha cea popular con recitado de poemas e música. No acto, o CENTRAD fixo entrega dunha escultura que o artista Manuel Pardo, afincado en Meira, dedicou ao escritor. Ademais, un equipo da TIC realizou unha reportaxe do II Roteiro Avelino Díaz, que dende a súa casa natal da Travesa percorreu outros lugares vinculados á súa vida.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet