A Fundación TIC potenciou en 2015 o labor social a prol dos maiores e das asociacións sen ánimo de lucro
-O Padroado aproba a memoria, con máis de 1.100 actividades, e a conta anual cun grado de execución do presuposto do 82,88%
-Campos dixo que “o traballo sustentouse nos tres piares fundamentais da TIC: formación de calidade, promoción da provincia e labor social a prol dos lucenses”
-A TIC mantivo a matrícula gratuíta na EIS e duplicou o número de actividades extraescolares e complementarias para alumnos e formación continua dos profesionais
-En 2015 incrementou ou seu apoio aos Concellos e ao tecido asociativo, con 153 convenios de colaboración, e xestionou 300 actividades no InLugo destinadas aos maiores de provincia
O Padroado da Fundación TIC, dependente da Deputación, aprobou a memoria de actividades da entidade en 2015. Darío Campos, máximo responsable das dúas institucións, afirmou que “o traballo sustentouse nos tres piares fundamentais da TIC: formación de calidade, promoción da provincia e labor social a prol dos lucenses”.
En 2015 superouse o número de actuacións respecto aos exercicios anteriores, con máis de 1.100 actividades. Este aumento concentrouse especialmente no primeiro e último trimestres do ano no InLugo, cunhas 300 actuacións en total, “xa que ampliamos á provincia os cursos e obradoiros e desenvolvemos novos programas con grande acollida entre os maiores”, apuntou o Presidente da TIC. Ademais, “potenciamos o traballo do Centro de Produción de Programas (CPP) co incremento do número de convenios de colaboración co tecido asociativo, ata os 153, e de apoio a actividades organizadas polos Concellos”.
O Padroado tamén aprobou a conta anual do exercicio 2015 cun grado de execución do presuposto do 82,88%, que ascendeu a 1.608.937 euros, sen incluír a encomenda da Deputación para xestionar o Plan de Promoción da Autonomía das Persoas Maiores da Provincia.
Formación de calidade para o emprego
A Fundación mantivo, por oitavo ano consecutivo, a gratuidade da matrícula da Escola de Imaxe e Son (EIS) “co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades á hora de acceder a un ensino de calidade”, dixo Campos Conde. O Presidente da Fundación afirmou que “para preparar ao noso alumnado de cara a súa inserción laboral fixemos especial fincapé en dous dos sinais de identidade do modelo formativo da TIC: as prácticas en escenarios reais e o contacto directo do alumnado con empresas e institucións vinculadas ao sector multimedia”.
A TIC ten convenios de colaboración con 128 empresas de ámbito nacional nas que os exalumnos da EIS poden completar a súa formación a través de bolsas. En concreto, o ano pasado 15 titulados da Escola accederon ao mercado laboral como bolseiros. A Fundación tamén fomentou a cultura emprendedora entre os estudantes, apoiando traballos de alumnos e titulados, como os cinco que concorreron aos premios Mestre Mateo 2015.
Máis actividades extraescolares e complementarias
A entidade duplicou o número de cursos e accións extraescolares e complemetarias cun dobre obxectivo: complementar o programa educativo dos seus alumnos e contribuír ao desenvolvemento profesional continuo dos técnicos e docentes.
Os estudantes realizaron, gravaron e emitiron por streaming o Campionato Internacional de Baristas de Foz; encargáronse da produción e organización da gala de presentación da película Hotel Almirante e gravaron e editaron a Noite Aberta, entre outras actividades extraescolares. Dentro do plan de formación complementaria enmárcanse masterclass, cursos e talleres impartidos por expertos en activo e de recoñecido prestixio en longametraxes, curtas, series de televisión, publicidade e novos formatos, como Dani de la Torre ou Jorge Coira.
Por outra banda, a TIC intensificou a súa relación coa Universidade, promovendo a colaboración e o intercambio de experiencias. Alumnos da USC, por exemplo, elixiron a TIC como centro de traballo para realizar as súas prácticas e a Fundación prestou asesoramento audiovisual aos preuniversitarios no Campus de Verán da USC.
Máis apoio a Concellos e asociación
A Fundación TIC incrementou en 2015 o seu apoio aos Concellos e ao tecido asociativo a través de reportaxes, DVD, documentais, vídeos promocionais ou spots. Contribuíuse, deste xeito, á promoción da provincia desde o punto de vista cultural, económico e turístico coa difusión de actividades organizadas ou apoiadas polas Entidades Locais como As San Lucas de Mondoñedo, a Festa da Androlla de Navia de Suarna ou a Queima das Fachas de Taboada. Neste apartado destaca o apoio da TIC á candidatura da Ribeira Sacra para que sexa declarada ben Patrimonio da Humanidade pola Unesco con traballos como Os Sons da Ribeira Sacra.
Polo que se refire ás organizacións sen ánimo de lucro, o obxectivo da colaboración é “darlle a maior difusión posible a actividades que os medios de comunicación tradicionais non soen cubrir polo seu elevado custo ou naqueles casos nos que as ONG carecen de medios suficientes para facelo por si mesmas”. O ano pasado, colaborouse con asociacións que veñen de nacer, como SOMOS Unidos por el Cáncer ou Chrysallis e tamén con algunhas das máis veteranas, entre elas, Achádego Teatro ou COGAMI.
Tamén cabe subliñar o servizo público que prestou a TIC coa emisión en directo por streaming de todas as sesións plenarias, tanto ordinarias como extraordinarias, que celebrou a Corporación Provincial o ano pasado.
Labor social cos maiores a través das novas tecnoloxías
Darío Campos dixo que “como Alcalde dun Concello rural cun alto índice de persoas maiores, como a maioría dos municipios da nosa provincia, valoro especialmente o labor social que desempeña a TIC na mellora do benestar dos lucenses de máis de 55 anos a través do InLugo. Debemos ter en conta que as novas tecnoloxías poden ser a nosa mellor aliada para que os nosos maiores teñan unha mellor calidade de vida”.
O esforzo inversor neste apartado reflectiuse na boa acollida que tiveron as actividades organizas polo InLugo o ano pasado. Na súa sede realizáronse 94 cursos e obradoiros que tiveron unha alta demanda: 1.657 inscricións para 1.100 prazas convocadas. Ademais desenvolvéronse talleres por toda a provincia e programas como Memoria Dixital, Sempre en Activo, Camiña coas TIC, Nutretic e Engurras Tic. Outras actividades que acadaron grande éxito de participación entre os maiores foron as xornadas Abertic; Día Mundial de Internet: Viaxa a mil e un lugar coas TIC; e Nadal: Sons e Recordos.
Film Commission: Lugo plató de rodaxe
Outro dos obxectivos da TIC é promover o territorio da provincia como espazo axeitado para a rodaxe e produción de calquera tipo de obras de carácter audiovisual, neste caso a través da Lugo Film Commissión. En 2015 a Film Commssion realizou un exhaustivo traballo de documentación e arquivo fotográfico e de vídeo no que se recollen localizacións que poden servir de escenario a producións audiovisuais de toda índole. Este material está a disposición de todas as produtoras interesadas.
A TIC por dentro
O ano pasado a TIC potenciou o programa de visitas didácticas, aumentando o seu número e ampliado os grupos de idade aos que vai destinado, xa que o ano pasado participaron por primeira vez varios grupos de maiores, ademais dos alumnos de Primaria e Secundaria. En total, 52 grupos, once máis que o ano pasado, que suman un total de 1.426 persoas, pasaron pola TIC para coñecer as instalacións da entidade así como as distintas especialidades da rama audiovisual que se imparten na EIS.