A TIC colabora na celebración da V Semana da Danza de Lugo que este ano homenaxea a Cervantes
-A TIC axuda, un ano máis, á difusión desta iniciativa cultural que conmemora en Lugo o Día Internacional da Danza
-Bolseiros e profesionais da TIC gravarán os espectáculos programados polo Conservatorio Profesional de Danza
-A Semana da Danza terá lugar do 25 ao 30 de abril en distintos escenarios da cidade de Lugo e con actividades para todos os públicos
A Fundación TIC apoia, un ano máis, a celebración da Semana da Danza de Lugo que organiza o Conservatorio Profesional de Danza coa colaboración do Concello de Lugo.
Por quinto ano consecutivo, a Fundación TIC coopera nesta iniciativa, que se desenvolverá na cidade de Lugo para conmemorar o Día Internacional da Danza e co obxectivo de achegar esta expresión cultural a todos os públicos.
A colaboración da Fundación TIC coa V Semana da Danza de Lugo consistirá en dar apoio á difusión deste evento cultural e, para isto, bolseiros e profesionais da Fundación faranse cargo da gravación íntegra dos distintos espectáculos que se van poñer en escena no Auditorio Gustavo Freire.
A programación da V Semana da Danza de Lugo, na que se renderá homenaxe a Miguel de Cervantes con motivo do 400 aniversario do seu pasamento, desenvolverase dende o luns 25 ata o sábado 30 de abril. As actividades que compoñen o programa diríxense a públicos de todas as idades e celebraranse en distintos escenarios, tanto na rúa como o Auditorio Gustavo Freire e mesmo no HULA.
Aposta pola cultura e apoio ás asociación
Co seu apoio á V Semana da Danza de Lugo, a Fundación TIC mantén o seu compromiso de dar apoio ás distintas iniciativas que leva a cabo o tecido social da provincia ao mesmo tempo que renova a súa aposta pola cultura nas súas distintas manifestacións.