A TIC colabora co Concello de Quiroga na difusión do Encontro Infantil do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas
Alumnos e profesionais da TIC realizarán e gravarán o Encontro Infantil do Certame de Bandas de Gaitas o día 26 de marzo dentro da Feira do Viño de Quiroga
A TIC contribúe á divulgación do evento ao mesmo tempo que facilita a formación práctica do alumnado da Escola de Imaxe e Son
É unha nova axuda que presta a Fundación TIC aos Concellos da provincia para a promoción e difusión das actividades que organizan
A Fundación TIC colabora co Concello de Quiroga na promoción e difusión do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas coa difusión do Encontro Infantil deste certame, que terá lugar o día 26 de marzo, dentro da programación da Feira do Viño desta localidade do sur da provincia.
A TIC atende unha solicitude de colaboración feita polo Concello e para isto desprazará a Quiroga un equipo formado por alumnos e persoal técnico que se encargarán da realización gravación do evento.
Con esta colaboración co Concello de Quiroga na divulgación deste Certame, a TIC dá cumprimento a un dos principais obxectivos da Fundación, consistente en contribuír na difusión e promoción das actividades que se desenvolven as Entidades Locais na provincia de Lugo.
Neste caso, desprazará a Quiroga un equipo formado por alumnos e profesionais composto por un total de seis técnicos, entre cámaras, persoal de realización, produción e son. Este equipo encargarase da gravación íntegra do Encontro Infantil do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, que se desenvolverá entre as 11.30 e as 14:00 horas e que posteriormente será emitido pola Televisión Municipal de Quiroga.
Os alumnos da TIC fan prácticas profesionais nun escenario real
Coa súa participación neste evento, a Fundación TIC, ademais de colaborar co Concello, cumpre con outros dous obxectivos como son proporcionar apoio a un medio de comunicación local do sector audiovisual e, tamén, facilitar a realización prácticas nun escenario real aos alumnos da Escola de Imaxe e Son de Lugo, que é unha das principais sinais de identidade do centro académico da Fundación TIC.