Pablo Fontenla e Alfonso Zarauza imparten senllas masterclass na Fundación TIC
- Fontenla mantén este venres, na EIS, un encontro cos alumnos, docentes e técnicos da TIC para abordar aspectos relacionados coa Dirección de Fotografía
- Zarauza, Mestre Mateo 2013 á Mellor TVmovie por “Encallados”, falará o día 15 sobre a “Dirección de Longametraxes”, ambos encontros son froito do convenio da TIC e CREA
O realizador Pablo Fontenla imparte este venres, día 11, unha masterclass sobre “Dirección de Fotografía”, na EIS. Nela abordará dende as funcións do equipo de fotografía nunha rodaxe ata o futuro do cine dixital. A actividade formativa complementarase con dúas horas prácticas, cuxa data se anunciará proximamente. Fontela foi co-creador, co-guionista e actor da webserie “Canillejas“, finalista dos premios Mestre Mateo 2014.
Dirección de Longametraxes
O vindeiro martes, día 15, o director e guionista Alfonso Zarauza falará aos alumnos, docentes e técnicos da TIC sobre “Dirección de Longametraxes”. A sesión terá lugar das 17:00 ás 20:00 horas, na EIS. Zarauza acadou o Premio Mestre Mateo 2013 á Mellor TVmovie por “Encallados”, tamén acadou este galardón como director e guionista, no 2008, por “A noite que deixou de chover”.
Ambos encontros son froito do convenio que teñen subscrito a Fundación TIC e a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, CREA.