A TIC apoia o labor de Aspnais coa proxección dun vídeo sobre a asociación no seu 50º aniversario
-No vídeo elaborado por un equipo de profesionais e bolseiros, usuarios, familiares, monitores e membros da directiva falan sobre a ONG o seu futuro
- A TIC recollerá nun DVD o acto de celebración, que se desenvolverá ás 20:30 horas deste venres no Círculo das Artes.
-Aspnais é unha das 150 asociacións sen ánimo de lucro da provincia coas que colabora a TIC para difundir o seu importante labor social
A Fundación TIC colabora de novo coa Asociación de Pais ou Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual de Lugo (Aspnais), neste caso no 50º aniversario da organización, que se celebra este venres no Círculo das Artes a partir das 20:30 horas.
Durante a gala proxectarase un vídeo de 14 minutos elaborado por un equipo de profesionais e bolseiros da TIC no que usuarios, familiares, monitores e membros da directiva dan resposta, coa súa testemuña directa, a varias preguntas sobre a asociación: que é Aspnais, quen son os “chicos” de Aspanais e cal é o futuro da organización.
A TIC tamén realizou dous spots, un en galego e outro en castelán, para dar unha maior difusión ao labor que desenvolven os talleres ocupacionais. Ademais gravará íntegro o acto e elaborará reportaxes para a súa difusión.
Estes traballos audiovisuais forman parte do convenio asinado entre o organismo dependente da Deputación e Aspnais co obxectivo de apoiar o importante labor social que desempeña esta ONG. A TIC colabora con máis 150 asociacións culturais, deportivas, agrupacións veciñais e entidades sen ánimo de lucro de toda a provincia.