Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

29/10/2015

Dario Campos presenta ante o alumnado da EIS a Dani de la Torre coma “exemplo de lucense que trunfa no mundo do cine”

-O Presidente da Fundación TIC inaugurou oficialmente o curso 2015-2016 xunto ao director de El desconocido nun acto que estivo aberto ao público

-Campos anunciou que “seguiremos destinando parte dos nosos recursos á matrícula gratuíta para garantir a igualdade de oportunidades”

-De la Torre mantivo un encontro cos alumnos no que se proxectou un vídeo sobre como se fixo El desconocido, co que debutou con grande éxito coma director de longametraxes

O Presidente da Fundación TIC e da Deputación, Darío Campos, e o director de cine monfortino Dani de la Torre inauguraron este xoves o curso 2015-2016 da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores da rama audiovisual.

No acto, que estivo aberto ao público, Campos destacou ante o alumnado a traxectoria de Dani de la Torre, “un lucense coma vós, que estudou nunha Escola de Imaxe e Son coma vós e que está a ter moito éxito con El desconocido”, a súa primeira longametraxe coma director”.

No seu primeiro acto oficial como Presidente da TIC, Campos afirmou que De la Torre “é un excelente exemplo de como con talento e traballo poden levarse adiante, desde Galicia, proxectos do máximo nivel internacional. Seguro que o camiño non foi doado, pero con esforzo acádanse moitos obxectivos”. Neste senso apuntou que “esforzo e gañas de aprender é precisamente o que vos pedimos para que aproveitades ao máximo este curso”.

Igualdade de oportunidades

Darío Campos anunciou que “a Fundación TIC seguirá dedicando parte dos seus esforzos económicos á gratuidade da matrícula da EIS. Queremos que todos os mozos e mozas que teñan vocación e interese no mundo audiovisual poidan acceder a unha formación de calidade en igualdade de condicións”. Desde a Fundación TIC “poñeremos a vosa disposición todos os medios necesarios, con docentes cualificados e técnicos docentes auxiliares, que aportan a súa experiencia profesional ”.

Proxecto galego a nivel de Hollywood

Dani de la Torre, que xa impartiu hai uns meses unha masterclass na EIS, expuxo a súa experiencia como realizador de diversos programas da TVG, e como guionista, montador e director de curtametraxes. Pero o encontro que mantivo co alumnado centrouse especialmente en “El desconocido” e proxectouse un vídeo de como se fixo.

Esta película -con 2,5 millóns de euros de presuposto, rodada na Coruña, protagonizada polos galegos Luis Tosar e Javier Gutiérrez e producida por Vaca Films- é un thriller psicolóxico, trepidante, arriscado e tecnicamente moi complicado.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet