Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

30/09/2015

Alumnos da TIC gravan este venres a VI Noite Aberta como primeira práctica nun escenario real este curso

- Os estudantes de 2º da EIS gravarán o desfile de moda e o ambiente na rúa, e realizarán unha reportaxe fotográfica do evento, no que participan preto de 70 comercios do centro de Lugo
- A TIC tamén elaborará diversas reportaxes para contribuír á promoción do comercio de Lugo ao abeiro do convenio asinado coa Asociación de Autónomas

O alumnado de 2º de Realización e Produción da Escola de Imaxe e Son (EIS) da Fundación TIC, entidade dependente da Deputación, gravará este venres 2 de outubro a sexta edición da Noite Aberta Open Night de Lugo. O evento, organizado pola Asociación de Autónomas, desenvolverase entre as 17:00 e as 23:00 horas e contará coa participación de preto de 70 comercios do centro da capital con importantes descontos nos seus produtos.

Esta será a primeira práctica nun escenario real dos estudantes da TIC neste curso 2015-2016. Divididos en varios equipos, que estarán supervisados por docentes e técnicos, gravarán o desfile de moda, que volverá presentar a partir das 17:30 horas a cantante Lucía Pérez na Praza Maior. Tamén darán cobertura aos espectáculos de música e animación na rúa e realizarán unha completa reportaxe fotográfica, incluído o paso dos modelos e do público polo photocall, que se instalará diante do Concello. A Noite Aberta rematará sobre as 22:00 horas cun chupinazo, a solta de faroliños e a actuación da Tuna de Lugo.

Posteriormente os alumnos editarán un vídeo coas gravacións realizadas ao longo da xornada. Ademais, os profesionais da TIC elaborarán reportaxes coa finalidade de contribuír á promoción dos establecementos participantes, e do comercio lucense en xeral.

O impulso da TIC ós autónomos
A colaboración coa organización da Noite Aberta enmárcase na aposta da Fundación TIC a prol da actividade comercial e dos autónomos da provincia. Neste caso, o apoio da TIC súmase ao doutras iniciativas como a Noite Aberta de Sarria, a Feira Outlet ou o Street Market. Por outra banda, a iniciativa permite aos estudantes da EIS realizar unha práctica profesional nun escenario real, un dos piares básicos da formación de calidade que imparte o centro, o único da provincia con estudos superiores da rama audiovisual.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet