A TIC presta asesoramento audiovisual aos preuniversitarios do Campus de Verán da USC que arrancou este luns
- García Porto inaugurou esta actividade na que profesionais da Fundación ofrecen aos estudantes consellos básicos sobre a elaboración de vídeos e ferramentas audiovisuais para presentar os seus proxectos -A TIC tamén achega a oferta formativa da EIS, que ten aberto o prazo de prescrición ata o 25 de xuño para cursar os graos superiores de Realización e Produción -Con esta colaboración, a TIC e o campus lucense continúan a reforzar a relación entre a Universidade e a Formación Profesional por un ensino prúlbico e de calidade
A Fundación TIC presta asesoramento audiovisual aos preuniversitarios, de 4º de ESO e 1º de BAC, que participan no III Campus de Verán Xuvenciencia Lugo, organizado polo Grupo de Divulgación da Ciencia e da Tecnoloxía (DivULGO), da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e que se desenvolverá desde este 22 de xuño ao venres día 26. A actividade foi inaugurada este luns pola Deputada en funcións de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e o Vicerreitor do campus de Lugo, Javier García Bueno. Un equipo formado por docentes e técnicos, coa participación de bolseiros, guiarán estes días aos alumnos na realización de vídeos para a presentación dos seus proxectos. Os profesionais daranlles consellos básicos sobre gravación, edición, formatos de vídeo e porán á súa disposición as ferramentas audiovisuais que precisen para dito fin. Ademais, gravarán todas as actividades que se desenvolvan durante o campus para realizar un DVD resumo que se proxectará no acto de clausura das xornadas. A TIC colabora co campus de Lugo nesta iniciativa, que ten como obxectivo fomentar o interese do alumnado preuniversitario pola ciencia e a tecnoloxía, ao tempo que informar das titulacións universitarias e graos de Formación Profesional que se poden estudar en Lugo. Oferta e matrícula da EIS A Fundación TIC, dependente da Deputación, tamén dará a coñecer aos case 100 estudantes inscritos neste Campus de Verán Científico a proposta de estudos da súa Escola de Imaxe e Son (EIS), que nestes momentos atópase en pleno proceso de matrícula para o curso 2015-2016, e que será gratuíta por oitavo ano consecutivo. A EIS, única Escola da provincia que imparte ensinanzas no eido do audiovisual, ofrece un total de 44 prazas nos ciclos superiores de Realización e Produción de Audiovisuais, Radio e Espectáculos. As titulacións necesarias para acceder a elas son bacharelato, técnico superior ou universitaria. Os interesados teñen de prazo ata o 25 de xuño para apuntarse. Deberán cumprimentar o impreso dispoñible na web da Fundación (www.fundaciontic.org) ou na propia Escola, con sede na rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n de Lugo. A Universidade e FP, da man Esta colaboración da TIC coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), nesta iniciativa reforza a relación entre o mundo da Universidade e o de Formación Profesional por un ensino público de calidade, xa que cada vez son máis os universitarios que buscan nos graos de FP unha especialización máis práctica das súas formacións. De feito, nos últimos anos aumentou o número de matriculados con título universitario na EIS da TIC para especializarse en audiovisual, como é o caso da rama xornalista. Neste senso, a TIC vén apoiando á Universidade noutros proxectos como a realización de vídeos de promoción para a campaña de bolsas que leva a cabo o campus lucense para atraer estudantes; ou acollendo prácticas que alumnos da Facultade de Humanidades realizaron no Centro de Produción de Programas, que a Fundación ten no polígono do Ceao.