Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

15/05/2015

A TIC apoia a presentación de Chrysallis Galicia cun vídeo que reflicte a realidade dos menores transexuais

  • archivos/fotos/grandes/2441_Image1.jpg

  • archivos/fotos/grandes/2441_Image2.jpg







- Alumnos e técnicos da TIC gravaron varias secuencias sobre situacións que viven a cotío os nenos e nenas aos que non se respecta a súa identidade sexual
- O traballo titulado Deseos é froito do convenio subscrito coa Asociación de Familias de Menores Transexuais, “co fin de arroxar luz sobre un tema descoñecido para gran parte da sociedade”

A Fundación TIC apoia o labor emprendido pola Asociación de Familias de Menores Transexuais, Chrysallis Galicia, cun vídeo titulado Deseos proxectado esta tarde na presentación oficial da entidade. No acto, o padrón da TIC, Álvaro Santos, destacou que “o traballo foi realizado por alumnos e técnicos da TIC, en virtude do convenio subscrito con Chrysallis, co fin de arroxar luz sobre un tema descoñecido e invisible para gran parte da sociedade”. Santos explicou que “para realizar o vídeo, o equipo gravou varias escenas baseadas en situacións reais que viven a cotío os nenos e nenas transexuais”.

Na presentación, que tivo lugar no Pazo de San Marcos, interveu a profesora do Máster en sexoloxía do Instituto INCISEX da Universidade de Alcalá de Henares Almudena Herranz cun relatorio sobre (Tran)sexualidade, un fenómeno de diversidade. A continuación, a presidenta de Chrysallis Galicia, Cristina Palacios falou sobre A realidade da transexualidade infantil na Galiza, e aproveitou para agradecer a colaboración da Fundación TIC na difusión da súa causa, en defensa dos dereitos dos seus fillos.

Apoios e logros históricos
O vídeo Deseos inclúe mensaxes de apoio da activista transexual e deputada da Asemblea de Madrid, Carla Antonelli, e dos músicos Miguel Costas, ex Siniestro Total; David Summers, de Hombres G e Mario Vaquerizo. Os catro amosaron o seu respaldo ás familias de Chrisallys, cun non rotundo á transfobia, no caso de Antonelli; e pedindo, como Costas, “respecto aos menores transexuais tal e como son”. Na gravación, Summer pide que “os deixemos medrar felices”, e Vaquerizo que “entre todos consigamos facer realidade os seus desexos”. Chrysallis Galicia difundirá o vídeo na súa páxina web e nas redes sociais.

Dende a súa creación, hai dous meses, Chrysallis conseguiu a primeira autorización xudicial en Galicia de cambio de nome dunha menor para identificalo co sexo sentido. Ademais, iniciaron as xestións precisas de cara ao aceso aos tratamentos con bloqueadores, como paso previo á medicación hormonal.

Na actualidade son máis de 130 as organizacións que manteñen acordos de colaboración coa TIC, para difundir o seu labor na provincia, ao tempo que facilitan aos alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son a realización de prácticas profesionais, a prol da súa inserción no mercado laboral.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet