A TIC colabora na promoción do IV Marzo Saúde Solidario para recadar alimentos e axudas destinadas a ONGs
- Un equipo da TIC gravará o día da solidariedade, o vindeiro 10 de maio, en Castroverde, para realizar un DVD e unha reportaxe que o Centro Marzo Saúde difundirá na internet
- Os organizadores tentan chegar aos 500 participantes, 3 mil euros de recadación e 5 toneladas de comida de edicións anteriores, que entregarán ao Banco de Alimentos, Cruz Vermella e Cáritas Diocesana
A Fundación TIC colabora co Centro de Fisioterapeutas, Enfermeiros e Podólogos Marzo Saúde na difusión do día da solidariedade que terá lugar o vindeiro domingo 10 de maio, en Castroverde. Un equipo da TIC encargarase de gravar o que aconteza durante a IV edición de Marzo Saúde Solidario, para recadar alimentos entre as persoas que participen nas seis actividades deportivas organizadas este ano.
Por cada proba que realicen, os inscritos farán entrega dun quilo de comida destinado ao Banco de Alimentos, Cruz Vermella e Cáritas Diocesana. Os perecedoiros destinaranse ao Comedor Social San Froilán de Lugo.
A xornada dará comezo as 9:30 horas, no Pavillón Municipal dos Deportes de Castroverde, cunha carreira a pé por barrios e parroquias deste Concellos nas modalidades de trail, andaina, e carreira popular que inclúe unha proba para nenos, Tras un xantar solidario, pola tarde haberá unha masterclass de pilates e un torneo 3x3 de baloncesto.
Retos solidarios
Os organizadores do IV Marzo Saúde Solidario tentan chegar ou superar os 500 participantes, os 3 mil euros de recadación polas inscricións, e as 5 toneladas de comida recollida en edicións anteriores. Os alimentos poderán depositarse nos carros de compra instalados en supermercados de Castroverde, Baleira, Mosteiro e Castro de Rei.
Este ano, como novidade, os primeiros clasificados en cada categoría recibirán un premio en metálico para doar á ONG que decidan. Como en anos anteriores, todos os que finalicen a proba recibirán un obsequio.