Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

07/05/2015

A TIC ofrecerá en streaming o congreso #INLUGO que se celebra na Deputación desde este venres

-Bolseiros e profesionais da Fundación farán posible o seguimento do congreso en directo en www.inlugo.com ou dende as redes sociais co hashtag #inlugo15

A Fundación TIC retransmitirá en streaming o III Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais #INLUGO, que a Deputación celebrará no Pazo de San Marcos os 8 e 9 de maio. Bolseiros e profesionais da TIC serán os encargados de realizar durante os dous días o encontro para que todos os interesados poidan seguilo en directo a través de Internet, na páxina web do evento que o organismo provincial habilitou na ligazón www.inlugo.com; ou dende as redes sociais, co hashtag #inlugo15. Tamén se emitirá na pantalla exterior que hai na Praza de San Marcos.
Referente en Galicia
Este foro gratuíto e para todos públicos, xa se ten convertido no encontro mais importante de Galicia e un dos máis destacados a nivel nacional en cultura dixital e redes sociais. Contará como é habitual cunha ampla programación, con actividades como relatorios, debates e charlas, nas que reputados expertos avaliarán os cambios que está provocando internet na sociedade, dende puntos de vista como a seguridade dixital, o dereito na rede, o márketing online ou o éxito dos novos medios xurdidos ao seu abeiro.
Elenco de luxo
Entre os relatores destaca a presenza do xornalista, Ignacio Escolar, exdirector do diario Público e na actualidade director dun xornal dixital referente en España, @eldiarioes, que será o encargado de abrir o evento. Outros nomes destacados serán David Varona (@davarona), redactor xefe de proxecto, participación e social media en RTVE; David Lombao (@davidlombao), director do xornal dixital Praza Pública; Andrés Milleiro (@juanmilleiro), director de Social Media de NH Group; ou Víctor Tasende (@victortasende), deportista, blogueiro e protagonista dunha asombrosa historia de superación.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet