Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

30/04/2015

A TIC colabora coa Asociación Cabaleiros da Orde do Priorato na I Ruta Cabalar da Ulloa que se celebra este sábado

-Alumnos, bolseiros e profesionais da Fundación elaborarán un DVD e reportaxes para difundir esta ruta que reunirá a uns 200 xinetes e discorrerá por lugares de gran valor natural da comarca luguesa
-O prazo de inscrición para participar estará aberto ata o día previo á celebración do evento, que inclúe unha cea con música, sorteos e sorpresas, á que pode asistir calquera interesado
-A participación da TIC nesta iniciativa é parte do seu labor de apoio ás asociacións luguesas sen ánimo de lucro e de promoción do patrimonio da provincia

A Fundación TIC colabora coa Asociación Cabaleiros da Orde do Priorato na difusión da 1ª Ruta Cabalar pola comarca da Ulloa ao seu paso polos Concellos de Antas de Ulla, Palas de Rei e Monterroso, e que segundo os organizadores, reunirá este sábado ao redor de 200 cabaleiros e amazonas afeccionados procedentes da provincia luguesa e toda Galicia. Alumnos, bolseiros e profesionais da Fundación estarán a pé de ruta en varios puntos do itinerario para captar coas súas cámaras as mellores imaxes do paso dos participantes e os seus cabalos.

Coa gravación da ruta, a única ecuestre en Galicia que pasa por tres concellos, a TIC elaborará un DVD e reportaxes para difundir a iniciativa do colectivo lugués en redes socias e medios de comunicación, contribuíndo ademais á promoción e fomento dos paraxes naturais, paisaxísticos e de varios tramos do Camiño de Santiago polos que discorrerá o itinerario. O apoio da Fundación aos Cabaleiros da Ulloa débese a un convenio de colaboración asinado entre ambas institucións, para divulgar, por un lado, a actividade da asociación coa realización de produtos audiovisuais e, por outro, mellorar a formación práctica dos alumnos e recén titulados da Escola de Imaxe e Son, o único centro da provincia de Lugo que imparte ensinanzas na rama audiovisual.

Ruta e inscricións
A I Ruta Cabalar da Ulloa sairá ás 15:30 horas da praza do Concello de Antas de Ulla e continuará dirección a Palas de Rei, onde os participantes farán unha parada no complexo hostaleiro A Cabaña para descansar e tomar un aperitivo. Está previsto que o percorrido, duns 28 quilómetros, dure ao redor de 5 horas e remate no mercado gandeiro de Monterroso, onde se celebrará unha cea para todos os participantes. Durante a velada tamén haberá música, sorteos e sorpresas.

O prezo por participar é de 20 euros para os adultos, con todo incluído, e de 10 euros para os nenos. Para asistir á cea non é necesario facer a ruta. Os interesados teñen de prazo para realizar as inscricións e reservas ata este venres, día previo á celebración do evento. Para isto, deben chamar ao teléfono 662 93 45 36, habilitado pola organización.

Importante labor cultural e patrimonial
A Asociación da Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar das Donas, tamén coñecida como Cabaleiros da Ulloa, foi constituída no ano 1.995 por un grupo de afeccionados na zona aos cabalos, co obxectivo de organizar actividades para fomentar as actividades ecuestres e aumentar a súa afección nesta comarca luguesa.

Entre as principais accións da agrupación está a de dar a coñecer a riqueza cultural, histórica e patrimonial do Camiño de Santiago ao seu paso polos Concellos de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei. O colectivo ten na súa sede, situada na ruta xacobea a carón da Igrexa de San Salvador de Vilar das Donas, un Centro de Documentación e Interpretación da Comarca da Ulloa onde dispoñen de libros, folletos, vídeos, CD-R e DVD para facilitar ao peregrino e a todas as persoas que o soliciten información sobre a comarca e o Camiño.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet