A TIC presenta o vídeo do 15 aniversario de Raiolas, asociación de pais e nais de persoas con autismo ou TEA
- O audiovisual, elaborado por bolseiros e profesionais da Fundación TIC, recolle a traxectoria da asociación, os logros acadados e os principais retos para o futuro
- Álvaro Santos destacou que a entidade colabora dende hai anos con este colectivo, “que desenvolve un importante labor social e que partiu de cero na nosa provincia”
O patrón da Fundación TIC Álvaro Santos presentou este sábado o vídeo do 15 aniversario da Asociación Raiolas, elaborado pola Fundación TIC con motivo desta conmemoración. A proxección do audiovisual tivo lugar durante o acto de celebración no Pazo de San Marcos, no que tamén participaron os tres presidentes da organización desde o seu nacemento: Nahum Reija, Ana Castelao e Inés Flores. Ao acto asistiron nais e pais de persoas con autismo ou outros trastornos do espectro do autismo, terapeutas e beneficiarios. Ademais, rendeuse unha homenaxe aos socios fundadores.
Santos destacou “o importante labor que desenvolve Raiolas en favor da mellora da calidade de vida das persoas con autismo ou TEA e a súa plena integración familiar e social. Non debemos esquecer que cando esta asociación naceu, hai 15 anos, partía de cero na nosa provincia. Naquel momento non había ningún servizo de apoio ou asesoramento e debían trasladarse fóra de Lugo”. O representante da TIC dixo que “traballamos por ser unha entidade útil á sociedade. Este é claro un exemplo: unha asociación sen ánimo de lucro que desenvolve un importante labor social. Para nós é unha satisfacción poñer o noso gran de area para facer visible o seu traballo e sensibilizar á sociedade lucense, unha colaboración que mantemos con Raiolas desde hai anos”.
15 anos de traballo
O vídeo, elaborado por bolseiros e profesionais da TIC, recolle a traxectoria da asociación en voz dos propios protagonistas. Nel participan a actual presidenta, Inés Flores, varios dos socios fundadores, pais, nais, psicoterapeutas e os propios beneficiarios. Contan por que naceu a asociación, con que obxectivos, cales son os logros acadados ata o de agora, así como os retos para o futuro, entre os que destaca o primeiro centro de formación para persoas con autismo maiores de 16 anos en Lugo e Ourense, que se ubicará nun edificio cedido pola Deputación. O audiovisual tamén amosa varias das actividades que realizan, como talleres de psicomotricidade ou cursos de cociña.
A TIC con Raiolas
A Fundación TIC e Raiolas asinaron un convenio de colaboración en xaneiro de 2010. Neste tempo realizáronse varios vídeos promocionais das súas actividades, así como diversos audiovisuais sobre o labor que desenvolven, entre outros, reportaxes sobre terapia equina, tiro con arco ou o futuro centro de formación para persoas con autismo.