15 Traballadores da Fundación TIC retransmitirán a Lvcvs Moda 2015 para a súa promoción e difusión en varios medios
-Alumnos e bolseiros da EIS, co apoio dos técnicos, dirixirán este xoves no Círculo das Artes a gravación da Gala para a que se desprazará unha unidade móbil en HD e catro cámaras
- Esta é unha das prácticas en escenarios reais na que os estudantes participan desde os inicios desta iniciativa, dentro do programa de formación complementaria e de calidade da TIC
A Fundación TIC, dependente da Deputación de Lugo, despregará este xoves, 16 de abril, un equipo de 15 persoas para retransmitir a Gala Lvcvs Moda 2015, que se enviará ás televisións locais da provincia para a súa difusión e promoción. A Gala poderase ver íntegra na Internet a través da web da Fundación, www.fundaciontic.org, e colgaranse vídeos sobre o evento nas plataformas online mais populares como Youtube e Faceebook.
Alumnos e Bolseiros da Escola de Imaxe e Son, co apoio de técnicos, serán os encargados coma cada ano de dirixir a gravación do evento para o que contarán cunha unidade móbil en HD e catro cámaras profesionais que recollerán a imaxe do público e da pasarela. Esta é unha das prácticas en escenarios reais na que os estudantes participan desde os inicios desta iniciativa que comezou hai xa sies anos. A actividade enmárcase dentro do programa de formación complementaria e de calidade que promove como modelo educativo a Fundación TIC para facilitar nun futuro a inserción laboral do seu alumnado.
Un DVD para cada participante
A Fundación TIC tamén editará un DVD coa retransmisión da Gala do que entregará copias a cada un dos 6 deseñadores, 16 firmas de artesanía, 9 perruquerías participantes na Lucus Moda para que os propios comerciantes poidan difundir o evento nos seus locais, redes sociais, páxinas web, blogs ou actividades que organicen ó longo do ano.