A Fundación TIC amplía a toda a provincia os cursos e obradoiros do InLugo para maiores de 55 anos
-No 2º trimestre do ano ofreceranse 683 prazas gratuítas en 55 actividades, 34 delas en 12 Concellos e 10 parroquias de Lugo
-Lara Méndez inaugurou este venres a Aula de Transmisión de Coñecemento, un novo servizo do Centro de Innovación social para os maiores, e anuncia que continuarán as titorías individualizadas
-Toda a información dos cursos está nas webs www.fundaciontic.org e www.deputaciolugo.gal, nas que xa está aberto o prazo de inscrición, ou ben chamando ao 982 225 186
A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou este venres a nova programación de cursos do Centro de Innovación Social, InLugo, e inaugurou a Aula de Transmisión do Coñecemento, un novo servizo destinado aos maiores da provincia. Méndez dixo que “esta nova etapa, financiada exclusivamente con fondos da Deputación, presenta importantes novidades, xa que imos ampliar a toda a provincia os cursos e obradoiros para facilitar o uso das novas tecnoloxías a todos os maiores, independentemente do seu lugar de residencia, e poñer en marcha novos servizos, como esta aula interactiva, equipada con material informático e conexión a internet, que estará a disposición de todos os lucenses de máis de 55 anos”.
Méndez avanzou que “para o segundo trimestre deste ano o InLugo convoca preto de 700 prazas, totalmente gratuítas, en 55 cursos e obradoiros, dos que 34 se desenvolverán en 12 Concellos e 10 parroquias do municipio de Lugo. En sucesivas convocatorias estas actividades para promover o envellecemento activo entre os nosos maiores a través das novas tecnoloxías, impartiranse no resto dos Concellos da provincia”.
Os primeiros 12 Concellos
Na sede do InLugo, na rúa Frei Plácido Lemos terán lugar, entre abril e xuño deste ano, 21 cursos e obradoiros, cun total de 273 prazas. As outras 34 actividades, con 410 prazas, realizaranse en Friol, Castro de Rei, Cospeito, Meira, Pol, Guitiriz, Castroverde, O Corgo, Vilalba, Xermade, Guntín e Muras, e en 10 parroquias do Concello de Lugo. Os cursos abordarán o manexo de diversos dispositivos como o ordenador, a tablet ou o smartphone, así como conceptos básicos para manexarse por internet ou en diferentes redes sociais. Polo que se refire aos talleres, traballarán diferentes capacidades cognitivas e funcionais como a memoria, a atención, a orientación espacial ou o equilibrio co ordenador, a tablet ou as vídeoconsolas.
Xa poden realizarse as inscricións a través de www.fundaciontic.org e www.deputacionlugo.gal, ou chamando ao número de teléfono 982 225 186. Toda a información das actividades está nas devanditas webs. Os cursos teñen prazas limitadas.
Aula Transmisión do Coñecemento
Outra das novidades é a posta en marcha da Aula de Transmisión de Coñecemento con ordenadores táctiles. Segundo a responsable provincial, “ademais de facilitar o acceso e uso das novas tecnoloxías, este espazo servirá de lugar de apoio e reforzo aos maiores. Aqueles que acudiron a algúns dos cursos do InLugo poderán axudar aos demais, xa que por idade e traxectoria vital, é probable que teñan máis afinidade á hora da transmitir os seus coñecementos. Tamén contarán co apoio dun docente do centro para resolverlles calquera dúbida.
Titorías individualizadas
Lara Méndez tamén anunciou que continuarán as titorías individualizadas e o asesoramento tecnolóxico ás persoas maiores que acudan á sede do InLugo con cita previa. Esta actividade, levada a cabo en trimestres anteriores, tivo gran éxito. Preto de 100 lucenses xa se achegaron a estas titorías para recibir unha atención personalizada e resolver as súas dúbidas tecnolóxicas.
Todas estas actividades están incluídas na actuación “Promoción da Autonomía Persoal dos Maiores da Provincia” que xestiona a Fundación TIC a través dunha encomenda da Deputación con fondos exclusivamente provinciais.