Os participantes no obradoiro Memoria Dixital Tic-Tac en Viveiro recibiron un DVD que recolle a súa experiencia
-María Loureiro entregou os diplomas acreditativos na Residencia Geriatros aos 15 maiores participantes no programa xestionado pola Fundación TIC para fomentar o envellecemento activo a través das novas tecnoloxías
-A páxina www.tictaclugo.es recolle o primeiro banco de recordos audiovisual da provincia gravado nos 10 talleres desenvoltos en varios concellos lugueses
O Centro de Innovación Social InLugo que xestiona a Fundación TIC entregou este xoves os diplomas acreditativos aos 15 maiores que participaron no obradoiro do programa Memoria Dixital Tic-Tac en Viveiro. A Alcaldesa da localidade, María Loureiro, foi a encargada de realizar a entrega dos documentos e tamén dun DVD que recolle o making off da gravación realizada nos 10 obradoiros desenvolvidos na provincia, nos que os maiores fixeron de entrevistadores e cámaras para rexistrar os seus propios relatos e anécdotas.
Xunto ao de Viveiro, houbo obradoiros en Outeiro de Rei, Portomarín, A Pontenova, Láncara, Monforte de Lemos, Guitiriz, A Fonsagrada, O Incio e Becerreá. Este programa ten un dobre obxectivo: por unha banda, facer un rexistro individual da memoria a través de pequenos relatos e anécdotas e, por outra, introducir aos maiores de 55 anos da provincia no mundo das novas tecnoloxías, facilitándolles o acceso directo a unha tablet para aprender a manexala nos seus aspectos máis básicos.
Ademais, continúa a través da páxina web www.tictaclugo.es que recolle o primeiro banco de recordos audiovisuais de maiores da provincia online.