Centro de Produción de Audiovisuais (CPA) » Novas da Fundación TIC

19/03/2015

A TIC gravará a Gala Infantil organizada por “SOMOS unidos por el Cáncer” a prol da investigación da leucemia

- Alumnos e técnicos da TIC editarán un vídeo coa gravación íntegra do evento benéfico que terá lugar este sábado, día 21 ás 18:00 horas no Círculo das Artes
- A achega é froito do convenio subscrito con “SOMOS”, que destinará a recadación íntegra a apoiar a un equipo de investigadores galegos dirixidos polo profesor Ángel Carracedo

A Fundación TIC únese á causa da asociación “SOMOS unidos por el Cáncer” coa gravación da Gala Infantil organizada para recadar fondos que irán destinados integramente á investigación da leucemia. Un grupo de alumnos de 2º curso de Realización da Escola de Imaxe e Son (EIS) co apoio de técnicos da TIC gravarán o evento benéfico que terá lugar este sábado, día 21 no Salón Rexio do Círculo das Artes.

A gala, que dará comezo ás 18:00 horas, inclúe espectáculo de maxia, baile, desfile de roupa infantil e sorteo de agasallos. O prezo das entradas é de 5 euros, e poden adquirirse na Cadena Cope e na academia Star Dance. “SOMOS” conta cunha trintena de colaboradores para levar a cabo esta iniciativa. Todos os asistentes recibirán un pano amarelo, para simbolizar a unión que promove a asociación de familias de nenos e adolescentes lucenses afectados polo cancro.

A difusión social da TIC
Co material audiovisual, o equipo da Fundación TIC editará un vídeo que “SOMOS” difundirá na súa páxina web, e nas redes sociais. A achega da TIC é froito do convenio asinado con “SOMOS Unidos por el Cáncer”, para promover o seu labor de apoio aos enfermos de cancro e as súas familias. Nesta ocasión, “SOMOS” destinará a recadación ao financiamento do traballo dun grupo de investigadores galegos dirixidos polo profesor Ángel Carracedo, presidente da Fundación Galega de Medicina Xenómica.

A colaboración da TIC deu comezo no mes de febreiro do ano pasado, coa gravación das actividades lúdicas organizadas pola asociación lucense na rúa, baixo o lema “Ponte unha capa amarela”, con motivo da celebración do Día do Cancro Infantil. No mes de novembro, alumnos e técnicos da TIC gravaron e editaron o vídeo do flashmob no que máis de 400 voluntarios bailaron ao ritmo do himno de “SOMOS”, no HULA.

Na actualidade son máis de 130 as organizacións que manteñen acordos de colaboración coa TIC, que facilitan aos alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son prácticas profesionais en escenarios reais, a prol da súa inserción no mercado laboral.


< Volver




Rúa Frei Plácido Rei Lemos s/n / 27004 - Lugo
Teléfono: 982 284 667 / Fax: 982 284 687
info@fundaciontic.org
Fundación  |  Escola de imaxe e son  |  Produtora  |  Film Comission  |  Novas  |  Ligazóns  |  Videos  |  Foro  |  Contacto
Diseño web de Lugonet